Feijóo: “Son tempos que requiren de confianza, xestión e certezas, e só o PPdeG pode facelo”

Onte nun mitín, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, incidiu en que “nada está decidido nestas eleccións” e pediu o voto por unha Xunta de Galicia con capacidade de xestión e decisión ante as incertezas sanitarias e económicas que hai por diante. Así mesmo, lembrou que o virus da Covid-19 segue existindo e seguirá presente por todo o mundo ata que haxa unha vacina, polo que considerou “importante que todos sigamos sendo responsables e cumpramos con todas as normas e precaucións hixiénicas e sociais”.

Feijóo afirmou que este domingo eliximos entre dúas opcións: unha Xunta con capacidade para gobernar nas dificultades ou un multipartito; entre respostas coordinadas ou a desorganización de dez partidos repartíndose o Goberno en parcelas; e entre a responsabilidade na xestión ou a irresponsabilidade ata nas declaracións públicas.  “Son tempos que requiren de confianza, xestión e certezas, e só o PPdeG pode facelo”, asegurou.

EXPERIENCIA, ESTABILIDADE E RESPOSTAS

Por este motivo, pediu o voto por unha Xunta que só estea ao que hai que estar, con experiencia acreditada para responder en momentos difíciles e que ofreza estabilidade e respostas ante un futuro con dúbidas en todos os ámbitos. En concreto, referiuse á sanidade, porque o coronavirus segue a ser unha ameaza para todos; e á economía, onde tanto o FMI como o Banco de España ou a Comisión Europea sitúan á España á cola de todas as súas previsións.

“Non deamos nada por feito porque nada está feito, e a abstención é un voto directo ao multipartito”, manifestou o Presidente do PPdeG. Deste xeito, afirmou que non é bo para Galicia un goberno que renuncie aos seus compromisos só para poder ser goberno; que non se entenda entre si; e que teña que improvisar un programa ao día seguinte das eleccións. “O que é bo para Galicia é un goberno unido, cun programa para aplicar desde o primeiro día, que resolva os problemas en lugar de crealos, e que goberne”, dixo.

Na súa intervención, Feijóo insistiu que neste momento “temos que enfrontarnos ás consecuencias económicas, laborais e sociais da pandemia sanitaria, e non hai marxe para improvisar nin tempo que perder”. Así, pediu que non se hipotequen catro anos de recuperación, progreso e benestar en Galicia por un día de relaxación, para o que demandou ir a votar o vindeiro 12 de xullo.

PROPOSTAS DE FUTURO

De cara ao futuro, Feijóo propuxo continuar mellorando a sanidade pública que mellor funcionou nesta pandemia, coa construción e renovación de novos hospitais; superando a educación pública que está obtendo os mellores resultados da súa historia; e aprobando novas medidas de respaldo aos pais e nais, como bonificacións fiscais para o segundo e seguintes fillos das familias galegas, do mesmo xeito que xa gozan hoxe as familias numerosas, que tamén verán duplicadas as súas bonificacións; ou estender ás escolas infantís municipais a gratuidade para o segundo fillo e seguintes.

 Tamén propuxo seguir multiplicando os servizos aos maiores, dar máis oportunidades aos mozos, que o rural sexa o medio de vida de cada vez máis galegos ou volver ás cifras récord de exportacións que tivo Galicia antes da pandemia. “Propoñemos que Galicia vaia cara o futuro co aval dos feitos, con confianza, con xestión e con certezas”, sinalou.


Con la tecnología de Blogger.