domingo, 3 de mayo de 2020

Feijóo demanda ao Goberno de España claridade, certezas e criterios obxectivables que permitan unha reactivación eficaz e segura


Hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, demandou ao Goberno de España claridade, certezas e criterios obxectivables que permitan unha reactivación social e económica eficaz e segura. “Pedimos claridade, certezas e criterios obxectivables e medibles”, dixo, incidindo en que nesta fase, na que non caben improvisacións nin rectificacións, o Goberno está a tempo de evitalas se conta de verdade coas comunidades autónomas.
Durante a videoconferencia co Executivo central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo reiterou que Galicia non pode validar un plan de desescalada confuso, incompleto e discrecional, lamentando, por exemplo, que aínda non se coñezan os criterios sanitarios para facer o corte e poder pasar dunha fase á outra; uns criterios que, aseverou, deben ser “exactos, obxectivos, coñecidos con antelación e rapidamente avaliables”.
Nesta mesma liña, incidiu en que en vez de manter unha división provincial, o máis lóxico é avaliar as zonas polos criterios sanitarios que, á súa vez, marcan as áreas sanitarias. “Así mesmo, entendemos que a mobilidade entre zonas debe facerse segundo cumpran ou non a clasificación epidemiolóxica, é dicir, os criterios sanitarios”, engadiu.
Ademais, fixo fincapé na necesidade de distinguir o ámbito urbano e o ámbito rural, xa que “os criterios urbanos non se poden implementar nas zonas rurais e viceversa”; así como en que aqueles lugares que leven períodos de tempo sen contaxios poidan acceder ás fases máis avanzadas directamente.
“Tampouco hai protocolos de actuación por sectores, unha estratexia concreta de actuación ante calquera rebrote que se poida producir, nin unha estratexia tecnolóxica, cando a tecnoloxía é clave a partir de agora”, engadiu, criticando ademais o uso desproporcionado que o Goberno central está a facer dun sistema que debe ser extraordinario, como é o estado de alarma.
“Dificilmente podemos falar de ir achegándonos á normalidade se mantemos sine die un mecanismo tan excepcional como é o estado de alarma”, aseverou, incidindo en que se debería levantar o antes posible.
No caso de que se propuxese algunha prórroga máis, o presidente do Executivo galego defendeu que o estado de alarma debería modularse no que respecta ao ámbito de aplicación, concretando en que territorios é necesario; e ao ámbito de ampliación, aclarando de forma expresa os dereitos que se limitan e non de forma xenérica limitando todos os dereitos de circulación.

Dúbidas no ámbito económico e persoal
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta insistiu en que o plan plantexado polo Goberno debería ser un bo punto de partida, se ben é necesario que se escoite ás comunidades. Ao respecto, trasladou que as dúbidas son moi extensas en todos os ámbitos, como o económico, no que subliñou a importancia de saber que negocios poderán abrir na primeira fase, dar ás empresas un marco definido que lles permita planificar as súas actuacións e protexer as súas plantillas, coñecer se serán necesarias mamparas nos comercios, cal será o horario preferente para maiores ou para persoas vulnerables, e adecuar a regulación dos ERTE á apertura gradual.
No ámbito persoal, aseverou que “a xente quere saber con certeza cando poderá visitar aos seus familiares nos seus domicilios e aos seus amigos, ou que vai pasar cos campamentos infantís no verán”, dixo, demandando tamén máis concreción no ámbito educativo, tanto para este curso como para o que vén, así como o plan da Administración da Xustiza para reactivar “este piar do Estado”.
Por último, Feijóo valorou positivamente a decisión de remitir ás comunidades 16.000 millóns de euros como fondos adicionais, se ben expresou a preocupación de que aínda non se concretasen os criterios de reparto, é dicir, se estes van ser iguais ou similares aos criterios con que se reparte o sistema de financiamento autonómico. “Esperemos que non se ensaie un novo sistema de financiamento con estes 16.000 millóns”, abundou.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta