Feijóo convoca aos partidos políticos para abordar a convocatoria electoral tras coñecer os informes que sitúan o principio do verán como o momento máis seguro


Onte o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, convocou aos partidos políticos galegos para abordar a convocatoria electoral, tras coñecer os informes dos expertos que sitúan o principio do verán como o momento máis seguro. “Acabo de remitir estes informes aos partidos políticos para que poidan avalialos e convócoos a unha reunión mañá para escoitar a súas opinións e reflexións. A partir da opinión dos expertos -e tamén escoitarei a opinión dos partidos políticos-, tomarei a decisión que creo sexa a máis responsable”, abundou.
Despois de que a pandemia obrigase a suspender o proceso electoral previsto para o 5 de abril, e co compromiso de activalo de novo “no prazo máis breve posible”, Feijóo trasladou onte o contido dos informes sanitarios -informe da área de Saúde Pública da Xunta, do presidente da Sociedade Galega de Medicina Intensiva, do presidente da Sociedade de Urxencias e Emerxencias de Galicia e do xefe de enfermidades infecciosas do CHUAC- e do informe da Asesoría Xurídica da Xunta, encamiñados a orientar unha decisión “que non é, en ningún caso, sinxela”.
Así, desde o punto de vista sanitario, e sempre que se manteñan as previsións, o presidente da Xunta trasladou que os expertos coinciden en que o momento que pode ofrecer menos incertezas para poder votar é o principio do verán, sendo a seguridade sanitaria maior canto antes se celebren os comicios. Pola contra, as incertezas increméntanse canto máis avance o ano, restando garantías para que se poida celebrar un proceso electoral en condicións sanitarias axeitadas.
Sobre este último punto, explicou, entre outros aspectos, que os meses de maior recepción de visitantes na Comunidade son xullo e agosto, “o que pode expoñernos a máis contaxios importados”; as condicións meteorolóxicas do verán -temperaturas maiores, raios ultravioleta- poderían contribuír a reducir o impacto do virus; “e os modelos epidemiolóxicos non descartan un novo pico da enfermidade con máis probabilidade despois do verán”, engadiu.
O responsable do Executivo galego resaltou que o informe xurídico subliña que se dan as condicións xurídicas para a convocatoria e celebración dunhas novas eleccións, considerando que se se estima que as condicións poden ser peores no outono, o prudente e correcto é proceder a unha nova convocatoria á maior brevidade, para non poñer en perigo o dereito fundamental do sufraxio activo e pasivo.
“En definitiva, a Asesoría Xurídica indica que as eleccións poderían convocarse á maior brevidade; e os informes sanitarios conclúen que o mellor momento para a celebración das eleccións conta con maiores garantías a principios do verán que a finais do verán”, expuxo.


Tellado insta á oposición a apoiarse en criterios técnicos e sanitarios para abordar a convocatoria electoral e non na demagoxia
Hoxe o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, sinalou que ao PPdeG lle gustaría que a oposición dese tamén unha opinión baseada en criterios técnicos e sanitarios, ao igual que fixo Feijóo; e non unicamente na opinión dos líderes de cada un dos diferentes partidos que a conforman.

Así, instou aos grupos a non caer en demagoxias nin en oportunismos, xa que son conscientes de que a lexislatura expira en semanas, da situación epidemiolóxica que ten Galicia e de que a prórroga do Estado de Alarma habilita a convocatoria electoral. De feito, tal e como expuxo, nin PSOE, nin Podemos nin BNG se opuxeron no Congreso á emenda do PNV que permite a convocatoria electoral.

Para Tellado, sorprende a postura contraditoria do PSOE, que di unha cousa no País Vasco -que se amosou a favor dunhas eleccións en xullo- e a contraria en Galicia; polo que, se tivese un mínimo de coherencia, o PSdeG apoiaría a convocatoria electoral. Do mesmo xeito, chámalle tamén a atención a postura do BNG que, tras votar a prórroga do Estado de Alarma, agora quere renunciar ao autogoberno e prefire que nos marquen a data das eleccións.

Considerou que os partidos teñen a oportunidade de ser construtivos e de dar a súa opinión con lealdade e pensando no benestar de Galicia. E subliñou que “os informes son concluíntes”: o mellor momento para convocar eleccións é canto antes, desde un punto de vista sanitario e con todas as garantías xurídicas.

Con la tecnología de Blogger.