Aínda que as instalacións do Congreso estén pechadas polo coronavirus, os deputados mantemos a a actividade


Como é coñecido e informei neste Blog, as instalacións do Congreso estarán prácticamente pechadas como medida de precaución para tentar reducir a velocidade na expansión do  Covid-19. Pero nin o Congreso nin o noso labor como deputados está pechado.  É obvio que as persoas que exercen a representación popular poden estar en corentena, pero non así as institucións.

Formo parte do Grupo Parlamentario Popular e seguimos traballando na nosa actividade de impulso e de control da actividade gobernamental desde posicións leais e construtivas. E por suposto a disposición dos cidadáns.

A prioridade absoluta é a saúde das persoas, pero tamén nos ocupan e preocupan, cuestións cruciais como a supervivencia de empresas pequenas e medianas, o apoio aos autónomos, os traballadores e as familias, medidas para axudar aos sectores máis afectados, etc.

Esta mañá á primeira hora contactei telefónicamente co Subdelegado do Goberno en Ourense e mantiven unha conversación coa Xefa Territorial da Xunta de Galicia.

En ambos os casos transmitinlles a miña plena dispoñibilidade para colaborar en todo canto sexa necesario en relación coa emerxencia sanitaria do coronavirus.

En todo momento permanezo en contacto co Grupo Parlamentario Popular no Congreso, así como coa Mesa do Congreso polas cuestión relacionadas coa Comisión de Asuntos Económicos e Transformación Dixital que presido.

Insto a todos a colaborar no cumprimento das medidas previstas pola autoridade responsable para protexer a saúde e seguridade dos cidadáns, conter a progresión da enfermidade e reforzar o sistema de saúde pública.

Con la tecnología de Blogger.