Denunciamos a desidia do Goberno socialista na tramitación da autovía A-76, Ourense-Ponferrada


Vencidos os primeiros corenta días de 2020, os deputados populares ourensáns no Congreso, Celso Delgado e Ana Vázquez, constatamos a falta de dilixencia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) e, de xeito particular, da Dirección Xeral de Estradas, pola falta de impulso e a dilación dos trámites da autovía A-76 (Ourense-Ponferrada)

Unha vía de comunicación “estratéxica e de enorme importancia para Valdeorras, O Bierzo, Ourense, Monforte de Lemos e, en xeral, para as comunicacións entre Galicia e Castela-León”, tendo en conta a notoria insuficiencia da N-120”, destacan os deputados.

Para os representantes populares, desde que o primeiro paso deste proxecto (2005) “pasaron máis de 14 anos e coidamos que xa chegou o momento de que vexamos máquinas traballando nalgún dos tramos. Algo que é posible se houbera vontade política”.
No 2019, lembran, esa posibilidade era máis viable, pero para logralo terían que se acelerar os trámites dos tramos A Veiga de Cascallá-O Barco e Villamartín de la Abadía- Requejo, para así licitar as obras, “algo que desgrazadamente non ocorreu”.

A situación dos catro tramos nos que houbo alguna actividade é a seguinte:

Tramo Villamartín de la Abadía-Requejo (7,6 qm./101,63 millóns de euros).

O 14 de marzo de 2019 o BOE publicou a resolución do Ministerio de Fomento pola que se aprobaba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado “Autovia A-76 Ponferrada- Ourense, Tramo: Villamartín de la Abadía-Requejo”, na provincia de León. Todo iso cunha serie de prescricións a cumprimentar no proxecto de construción.

Respecto deste tramo, o Goberno respondeu a unha pregunta dos deputados ourensáns o 3 de xullo de 2019 e dicía “que previamente á licitación das obras deste tramo é necesario completar e aprobar o proxecto de construción correspondente, que está en redacción”. 

Noutra resposta da mesma data indicaba que “Fomento continúa desenvolvendo os labores de redación do proxecto de construción, atendendo ás prescripcións que se indican na citada Resolución”.

O 7 de xaneiro de 2020 presentouse outra pregunta: ¿Despois de incumprir o Ministerio de Fomento os seus compromisos para 2019, cal é a data do ano 2020 que compromete para licitar as obras do tramo entre Villamartín da Abadía e Requejo da A-76 (Ourense-Ponferrada)? Con data 7 de febreiro de 2020 o Goberno contestou: “En relación co asunto interesado, sinálase que previamente á licitación das obras entre  Villamartín de la Abadía e Requejo é necesario completar e aprobar o proxecto de construción correspondente, que se atopa en redacción.

O 13 de febreiro de 2019 aprobouse o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado”.

Para os deputados populares, “é moi evidente que o Ministerio se toma con absoluta  parsimonia a redacción do proxecto e que non quere adquirir compromiso algún en relación coa licitación das obras deste tramo neste ano 2020”.

Tramo Requejo-A Veiga de Cascallá (10,7 qm/223 millóns).

O Ministerio de Fomento anunciou o 8 de xuño de 2017 que adxudicara e formalizara o contrato de servizos de redacción do proxecto de trazado e construción do tramo entre Requejo (León) e A Veiga de  Cascallá (Ourense), por un importe de 1.847.823 euros. O prazo estimado para a redacción dos proxectos era de 18 meses.

En xullo de 2019, o Goberno contestounos que “o proxecto se atopa en redacción. O próximo trámite corresponderá á aprobación provisional do proxecto de trazado e a incoación do correspondente expediente de Información Pública”.

A data de hoxe, aos deputados non lles consta que tal redacción estivese concluída, o que acredita un enorme atraso pois o prazo, que rematou o 8 de decembro de 2018, está claramente superado.

Tramo A Veiga de Cascallá- O Barco de Valdeorras (8,4 qm./55,7 millóns).

O Ministerio de Fomento aprobou o 10 de maio de 2018 o expediente de información pública do proxecto de trazado “Autovía Ponferrada-Ourense (A-76). Tramo: A Veiga de  Cascallá-O Barco de Valdeorras”.

O 30 de maio de 2019, os deputados preguntaron ao Goberno sobre esta autovía e o 3 de xullo de 2019 respondía sobre esta licitación que “era necesario completar e aprobar o proxecto de construcción correspondiente, que está en redacción”, engadindo que “o Ministerio de Fomento ten previsto someter a maior brevidade, ao preceptivo trámite de información oficial e pública, do enlace de acceso a Biobra, necesario para completar a conexión da citada autovía coas estradas N-120 nas proximidades do núcleo da Veiga de Cascallá e coa OU-622, dotando de accesibilidade á autovía á zona de Biobra”.

Malia que se falaba “de someter á maior brevidade”, o certo é que no BOE non apareceu ata agora anuncio algún desta información pública, o que acredita a desidia en posibilitar avances na A-76.

O 7 de xaneiro de 2020 os deputados presentaron unha nova pregunta: ¿Despois de incumprir o Ministerio de Fomento os seus compromisos para 2019, cal é a data do ano 2020 que compromete para licitar as obras do tramo entre A Veiga de  Cascallá-O Barco de Valdeorras da autovía A-76 (Ourense-Ponferrada)?

Con data 7 de febreiro de 2020, o Goberno contestou: “En relación co asunto interesado, sinálase que previamente á licitación das obras da A-76 entre A Veiga de  Cascallá e O Barco de Valdeorras, é preciso completar e aprobar o proxecto de construción correspondente que se atopa en redacción”.

A resposta é desoladora e decepcionante. No tramo que estaba máis avanzado -en maio de 2018 aprobábase o expediente de información pública- o Ministerio acredita cos feitos a súa desidia na conclusión definitiva do proxecto de construción. E como se ve por esta última resposta, tampouco compromete unha data para a licitación das obras deste tramo en 2020.

Tramo Monforte de Lemos (Leste)-Babela (7,7 qm/32,6 millóns)

Este tramo afecta a los términos municipales de Monforte de Lemos, Sober e Pantón, na provincia de Lugo.

No BOE do 7 de setembro de 2018 publicouse a formalización polo Ministerio de Fomento do contrato de servizos para a redacción do proxecto de trazado e construción do citado  tramo. O orzamento deste contrato é de 633.440,81 euros.

O 7 de xaneiro de 2020 os deputados ourensáns e lucenses presentaron a seguinte pregunta: ¿Que previsión de data en 2020 manexa o Ministerio de Fomento para concluír a redacción do proxecto construtivo do tramo entre Monforte de Lemos/Leste-Babelada A-76 (Ourense-Ponferrada)?

Con data 7 de febreiro de 2020 o Goberno contestou que “o proxecto de trazado A-76, circunvalación de Monforte de Lemos. Ligazón Monforte de Lemos/Leste-Babela (Ourense-Ponferrada) atópase en redacción desde agosto de 2018 e continua a súa redacción de acordo co programa de traballos vixente”.

Na tramitación do proxecto deste tramo non hai atraso polo momento xa que o prazo estimado para a redacción é de 18 meses, o que supón que vencerá o 7 de marzo de 2020.





Con la tecnología de Blogger.