miércoles, 19 de febrero de 2020

A Xunta apoia a solicitude de instalación dunha central ferroviaria de mercadorías no polígono de San Cibrao

Saliento que onte a conselleira  de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladoulle á directiva da Asociación de empresarios Polígono San Cibrao das Viñas o compromiso da Xunta de seguir traballando a prol da mellora da competitividade desta área industrial.

Vázquez Mourelle, que estivo acompañada polo director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, manifestoulles aos asistentes que o seu departamento analizará a posibilidade de colaborar no desenvolvemento dun plan de mobilidade para o polígono.

Fixo fincapé na aposta que a Xunta vén realizando neste polo industrial que xera emprego e riqueza na provincia de Ourense e na comunidade galega.

A este respecto, lembrou que o Goberno galego está a impulsar a conexión directa da autovía A-52 co polígono industrial, cun orzamento autonómico de 21,5 millóns de euros.

Informou aos asistentes de que as obras xa se atopan ao 75 % da súa execución total, o que permitirá pór en servizo antes do verán este novo acceso que reducirá en máis do 60% o percorrido actual e reforzará a seguridade viaria na zona.

A conselleira tamén recordou que os novos contratos do Plan de Transporte Público de Galiciapermitiron aumentar nun 50 % os servizos de autobús interurbano entre Ourense e o Polígono de San Cibrao das Viñas.

Os novos servizos, que botaron a andar en xaneiro, incrementan en catro as rutas de transporte interurbano entre a cidade e o polígono, pois agora son 14 fronte ás 10 que había antes. Tamén se suman 10 expedicións máis, ata chegar ás 31 en días laborais.

Ademais, no encontro acordaron uns axustes nestas liñas de autobús para adaptar mellor os servizos ás necesidades dos empregados das empresas do polígono.

A titular de Infraestruturas tamén lle trasladou hoxe aos representantes da asociación empresarial o apoio da Xunta en relación á súa solicitude de instalación dunha central ferroviaria de mercadorías no polígono. Apoio que celebro.