Visitando dous concellos da "Raia Termal" : Melgaço e Cortegada



Regreso esta mañá de Vigo e en lugar de facelo na súa totalidade circulando pola autovía, desvieime á altura das Neves para  vistar dous concellos onde se executan actuacións no marco do Programa  Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP)/INTERREG PT-É, no ámbito do proxecto “Raia Termal”.

Un proxecto, impulsado polo anterior presidente da CHMS, Paco Marín, e que naceu co propósito de protexer e conservar os espazos naturais fluviais fronteirizos do Miño e do Limia, para contribuír para a melloría do  medioambiente e dos recursos termais da zona e da creación dunha rede que fomente a estruturación dos recursos termais transfronteirizos  raianos de Ourense e do Norte de Portugal, tendo como obxectivo a súa valorización turística.


Visito en primeiro lugar en Portugal o moi fermoso Parque das Termas do Peso de Melgaço, que xa coñecía doutras ocasións, e  no que se aprecian plantacións de novas árbores autóctonas na Alameda principal.

E vexo tamén melloras no aparcamento e unhas novas instalacións para a práctica do deporte con equipamentos para o adestramento físico no exterior e dirixido para a modalidade de  crossfit.

Continúo logo a viaxe ata o ourensán  concello de Cortegada no que se executan accións  conveniadas coa Confederación  Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), dentro do citado proxecto europeo de cooperación transfronteiriza (POCTEP) “RAIA TERMAL”

Vexo que levaron  a cabo melloras na sinalización do roteiro termal “Terras de Cortegada”. que ten o seu inicio e fin no Balneario Histórico , aos pés do río Miño, a cal se divide en dous trazados circulares que se poden realizar por separado ou ben agrupados de forma que se poidan xerar tres variantes diferentes.

Tamén puiden ver as obras, financiadas pola Axencia de Turismo de Galicia de rehabilitación da edificación existente coñecida como “Baños de Cortegada” coa finalidade de potenciar o turismo na zona, dado o inmellorable entorno no que se atopa e contando coa calidade arquitectónica do edificio.

A edificación ten a súa orixe no século XIX, coa construción duns stands de madeira desmontables segundo a extensión da época de baño, que estaban situadas na ribeira do Río Miño e que as crecidas facían trasladar todos os anos. Logo foi construido un novo edificio modernista, cuxa edificación iniciou o arquitecto vigués, don José Lago Loureiro en 1934 e finalizouno en 1937.
O uso que se pretende implantar é o que resulta de aplicar o Plan Especial do Parque Termal de Cortegada que establece para o edificio o uso sociocultural: Área cultural museística e de reunións aproveitando a conexión co Encoro. Tamén se mantén o uso “hostaleiro” da galería de planta primeira e a súa terraza con vistas ao río.
















Con la tecnología de Blogger.