lunes, 25 de noviembre de 2019

“En Galicia só temos un NON por resposta fronte á violencia machista. Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta, sen titubeos, sen dúbidas e sen matices. A reposta é NON”


Hoxe, 25 de novembro, conmemórase un ano máis o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, no que ningúen debe permanecer indiferente diante da loita contra a violencia machista. O PP de Galicia tampouco e por iso fixo público este manifesto que reproduzo e que comparto.

"A Galicia que nuns días estreará nova década é un territorio puxante, innovador e creativo. Con retos económicos, culturais e socias xa alcanzados, pero con desafíos moi importantes aínda por acadar. De todos eles, ningún ten tanta importancia para o Partido Popular de Galicia como a consecución de igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres en xeral, e a erradicación da violencia machista en particular.

Non podemos estar plenamente desenvolvidos como sociedade mentres teñamos entre nós a persoas convencidas de que as relacións persoais poden ser entendidas dende un prisma de superioridade entre uns e outros por razóns de xénero. E, menos aínda, cando algúns homes empregan calquera tipo de violencia contra as mulleres. É inaceptable.

Cada insulto, cada humillación, cada ameaza e cada agresión física representan unha derrota de Galicia como pobo. E non podemos conformarnos con slogans baseados en apuntar que cando un home maltrata á súa parella está agredindo a todas as mulleres. Non.

Cando un home maltrata a unha muller a quen maltratata é a todos os galegos. Porque este conflito non é individual nin pódese entender de portas para dentro da casa. Tampouco debe colectivizarse nunha disputa entre xéneros. Non é unha loita de sexos senón una batalla entre dous bandos: os que agriden e os que non estamos dispostos a compartir Galicia con eles.

A política debe ser a ferramenta máis útil para cambiar a sociedade na que vivimos. Pero, sendo a máis útil, non debe ser a única.

Cada galego e cada galega teñen que ser a voz daquelas mulleres que non encontran o valor para alzala contra aquel que lla afoga. Cada galego e cada galega teñen que ser os ollos que descubran actitudes que algúns queren agochar na intimidade do fogar. Porque en cada galego e en cada galega debe haber un dique de contención contra actitudes que non son benvidas nin na Galicia do hoxe nin na Galicia do mañá que estamos a deseñar.

A violencia machista non entende de estereotipos. Está presente no rural e nas grandes cidades. Está presente en adultos e, por desgraza, tamén en rapaces. Nin é patrimonio dos que teñen moito nin é propiedade dos que apenas teñen nada. É unha lacra transversal que, ao igual que a patoloxía máis complexa, require de tratamento inmediato e vixilancia continuada.

Ante aos que afrontan esta lacra situando de forma xeral aos homes e á masculinidade como o gran núcleo do problema, o PPdeG considera imprescindible implicar a todos, homes e mulleres, no combate das prácticas machistas. O inimigo non é o home. O inimigo é o maltratador.

Desa forma de entender este problema, onde a condescendencia co agresor non ten cabida, o PP de Galicia vén de dar pulo a iniciativas pensadas en apoiar a aquelas mulleres que padeceron ou padecen este drama. Fixémolo impulsando axudas directas ás vítimas de violencia machista, cunha media de 600 euros ao mes para as persoas que precisaron delas. Fixémolo acordando a escolarización inmediata de fillos e fillas de mulleres que sufriron este grave problema. Fixémolo traballando na concienciación dos máis novos. E, sobre todo, seguirémolo a facer en 2020 cun Plan para que as diferentes administracións públicas sexan máis eficientes detectando casos e evitando novos exemplos de violencia machista.

Porque para o PPdeG esta non é unha liña de traballo máis. É a máis importante das que temos que atender. Porque a Galicia de liberdades que queremos desenvolver debe partir, por suposto, da liberdade das mulleres e da súa relación en igualdade cos homes.

Neste reto sentímonos convocados pola sociedade galega e neste reto traballaremos sen descanso en todos os nosos ámbitos de actuación institucional e orgánicos.

Por elas. Por todos."


A este manifesto engado as palabras pronunciadas polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurando hoxe que Galicia non permitirá nin un paso atrás na loita contra a violencia machista. “En Galicia Non”, aseverou, apelando ao compromiso de todos neste obxectivo.
Durante o acto de entrega de premios do concurso escolar 25-N 2019, Feijóo quixo iniciar a súa intervención trasladando os parabéns a todo o alumnado e profesorado por participar neste certame con traballos que, ademais da súa calidade gráfica, visual e artística, “educan, inspiran e conciencian”. “Uns traballos que están cheos de sentimento e de realidades e que, sobre todo, acreditan que sodes activos nesta loita para acabar cun disparate como é a violencia de xénero”, precisou.
“Grazas por uns traballos cheos de sentimento, coñecemento e de ganas de cambio. Brais, Ángel, Urhoma, Emma, José Antonio, Sira, Carmen, Daniel, Irene, toda a clase de 2º de ESO do IES Vilaonga e ás tres Anas premiadas. Representades á xeración máis concienciada de toda Galicia, o futuro do noso país. E estou convencido de que seredes a xeración que conseguirá o que non fomos capaces de conseguir nós: que a violencia machista sexa unha nota necrolóxica do pasado da historia de Galicia e de España”, abundou.
Feijóo aproveitou o acto para dirixirse aos nenos, rapaces e homes, “porque temos que parar isto, e témolo que facer de forma consciente e entre todos”. “Temos que traballar sen medo contra a violencia machista”, dixo, insistindo en que “hai que deixar que os nenos e as nenas sexan o que realmente queiran ser, sen ningún prexuízo e sen ningún estereotipo”.
E, dirixiuse tamén ás nenas, rapazas e mulleres, para recoñecer o esforzo e valentía “coa que loitades para parar o disparate machista e acadar o que sempre debeu ser voso, que non é outra cousa que a vosa liberdade”, sentenciou.
Nesta liña, o responsable do Goberno galego subliñou que, pola súa banda, a Xunta está a desenvolver o 100% das medidas previstas para este ano dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e co obxectivo de levar a cabo o ano que vén, entre outras iniciativas: un Plan estratéxico que avance cara a plena coordinación entre as diferentes administracións públicas, así como a posta en marcha de novos centros de acollemento.
Así mesmo, lembrou que en 2016, o Executivo galego presentou o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de entidade de xénero, e puxo en marcha o I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia. Ademais, nese mesmo ano, Galicia converteuse na segunda comunidade en incluír no currículo educativo unha materia de libre configuración autonómica sobre igualdade, Igualdade de xénero, destinada a 1º e 2º de ESO; e, para dar continuidade a esta materia en Bacharelato, en 2018, presentouse Coeducación para o século XXI e púxose en marcha para 1º e 2º de ESO Sociedade inclusiva.
Por outra banda, e no ámbito da Formación Profesional, apostouse en 2017 por ofertar, por primeira vez, o Ciclo Superior de Promoción de Igualdade de Xénero.
“En definitiva, a igualdade en si está presente de forma transversal en todos os niveis educativos”, constatou, referíndose tamén ás iniciativas encamiñadas a ofrecer unha constante formación ao profesorado.
Ao respecto, lembrou que o Plan anual de formación do profesorado conta cun apartado específico dedicado á igualdade e, o ano pasado, lanzouse un novo Plan específico en formación en igualdade, ademais de impartirse formacións para aumentar os contidos relacionados coa igualdade. “E a comezos deste ano asinamos tamén un convenio no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero para impulsar novas accións no ámbito educativo”, engadiu.

“En Galicia só temos un NON por resposta fronte á violencia machista. E non permitimos que fronte a esta loita non se queira tomar parte. É tarefa de todos. Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta, sen titubeos, sen dúbidas e sen matices. A reposta é NON”, concluíu, incidindo en que este é un dos maiores retos da nosa sociedade.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta