Avanzan as obras da nova conexión da A-52 co polígono de San Cibrao das Viñas: o grao de execución supero o 70 %


Informou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que os avances nas obras da nova conexión da A-52 co polígono de San Cibrao das Viñas permitirá ter completamente finalizado a finais deste ano 2019 o viaduto do Rego de San Benito. 

Vázquez Mourelle, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, o alcalde de San Cibrao das Viñas e os empresarios do polígono, volveu hoxe á contorna do Rego de San Benito para explicar os progresos no novo viaduto, de 510 metros de lonxitude e 10 pilas, que verá completada esta mesma semana o taboleiro, despedindo o carro lanzavigas que está a colocar o último vano do viaduto.

Salientou o importante pulo dado nos últimos meses a esta vía de novo trazado, de 4,5 quilómetros e que atravesa os termos municipais de Taboadela e San Cibrao, con dous carrís de circulación en todo o percorrido, ao que se suma un terceiro carril en case a metade da traza.

Concretou que a día de hoxe, o grado de execución do vial que conectará directamente o parque empresarial coa autovía que une Vigo e Madrid xa supera o 70%. Están practicamente rematados os movementos de terras en toda a traza, totalmente finalizados os 4 pasos inferiores e o paso superior, e están executadas as reposicións de abastecemento e saneamento nos concellos polos que transcorre a nova estrada.

Indicou que agora resta rematar o enlace coa A-52, onde se as condicións climatolóxicas o permiten fará posible restaurar o tráfico proximamente, e iniciar o enlace coa N-525. Despois virán os traballos da capa de firme, execución de cunetas, sinalización, balizamento, defensas, peches, e todas as obras complementarias.

Ethel Vázquez incidiu no mantemento da previsión de rematar esta nova infraestrutura segundo o previsto e poñela a disposición de transportistas e veciños a mediados do vindeiro ano 2020, tras o investimento autonómico de case 22 millóns de euros.


A conselleira lembrou que esta nova infraestrutura é froito dunha completa planificación, recollida no Plan sectorial viario de Ourense aprobado no ano 2014, e amosou a súa importancia  para o desenvolvemento deste polígono industrial, porque incrementará a súa competitividade, pero tamén suporá novas oportunidades para toda a provincia, e que incrementará o potencial e o atractivo do que é a principal área industrial da provincia de Ourense.

Concluíu que se trata dunha forte aposta da Xunta de Galicia por mellorar a competitividade do tecido empresarial a través da dotación de infraestruturas viarias modernas, seguras e de calidade, que favorecen a mobilidade e, con iso, a actividade industrial.

Con la tecnología de Blogger.