Homenaxe a cinco grandes empresarios por "toda unha vida impulsando Ourense’

Con Lito Seoane
Asisto esta mañá no restaurante ourensán "A Carballeira de Santa Cruz" a un acto organizado pola Confederación de Empresarios  de Ourense e co patrocinio da Deputación Provincial.

Nel foi recoñecida a traxectoria de cinco empresarios: Conchita  Amorín (de Arreglos Amorín), Antonio Piña (Grupo Anpian), Manuel Álvarez (Álvarez Quintela Ingeniería Mecánica), Aurelio Sánchez Seoane (Lito Seoane Peluqueros) e Mario Dacosta Rodrigues (Grupo Hispamoldes).

Diante dunha numerosa audiencia integrada por representantes políticos como o Presidente do Parlamento de Galicia, institucionais, sociais e do tecido empresarial, interveu primeiro a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), Marisol Novoa, logo o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde  e finalmente o presidente da Deputación de Ourense.

As palabras de benvida correron a cargo da presidenta da CEO, Marisol Nóvoa quen, tras esbozar unhas pinceladas da traxectoria de cada un, destacou como nota común a todos que ‘evocan o sentido máis puro e auténtico da palabra emprender pois foron aprendices e despois mestres nos seus respectivos sectores, e souberon combinar isto coa ilusión e o esforzo do que empeza e vai aos poucos establecendo un nome e unha carreira empresarial’. Recoñeceu ademais que todos eles conxugan ‘tres valores que é difícil atopar combinados: vocación, esforzo e tenacidade’.


Con Mario Dacosta
A continuación, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, felicitou aos homenaxeados pola súa traxectoria, afirmando que constitúen un exemplo de constancia e perseveranza. “ Co  voso  traballo,  creastes  emprego de  calidade,  xerastes riqueza para Ourense e  fomentastes a  competitividade necesaria para seguir  crecendo”, destacou Conde.

Do mesmo xeito sinalou aos cinco empresarios ourensáns homenaxeados como unha demostración do éxito de apostar pola innovación. Agradeceu igualmente a creación de emprego e riqueza que levaron a cabo nos seus respectivos negocios e apostou por un contexto de colaboración público privada en estratexias na nova era dixital.

Conde destacou que desde a Xunta de Galicia están a levarse a cabo liñas de actuación para promover o uso das novas tecnoloxías no ámbito empresarial, con partidas específicas incluídas nos orzamentos de 2020 para mellorar a formación dos traballadores e facilitar a transformación dixital.

Manuel Baltar, salientou: "Son cinco espellos de comportamento profesional e de valores persoais que non saben o que é a palabra xubilación", dixo Baltar, lembrando de Antonio Piña que comunicou hai case 60 anos Santiago con París, "o primeiro servizo internacional de Galicia. Grazas por continuar facendo das rodas un factor de desenvolvemento, a semellanza do símbolo máis importante da nosa identidade: o afiador". 

A Concepción Amorín agradeceulle que "cosese a nosa historia", e de Manuel Álvarez salientou o seu comportamento "sempre intachable", afirmando de Lito Seoane que o seu nome "brilla con luz propia na historia da perruquería", e de Mario Dacosta dixo que "sempre está a disposición do colectivo empresarial, e coa internacionalización por bandeira. É un modelo de nobreza e altura de miras".

Parabéns a todos eles por tan xusto e merecedido recoñecemento.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta









Con la tecnología de Blogger.