Remata con éxito a 24ª edición do Ourense Film Festival



Celebro moito que a 24ª edición do Ourense Film Festival se convertera “na edición máis potente e exitosa da súa dilatada traxectoria”, como hoxe salientou o  presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial agradeceu o traballo dos coordinadores Aurelio Gómez Villar e Miguel Anxo Fernández  e do seu equipo de traballo, integrado por 50 persoas, “por cumprir ao 100% o programa previsto, executando tódalas propostas incluídas nesta ambiciosa programación que fixo desta 24ª edición, a mellor de toda a historia do Festival de Cine, tal e como o avalan as cifras”. Baltar destacou que o OUFF “situou a Ourense como centro de referencia do audiovisual”, un evento ao que definiu como “o indubidable Festival de Galicia” e que tivo “un gran retorno económico para a cidade”, adiantando que a vindeira edición celebrarase do 25 de setembro ao 3 de outubro de 2020, tendo como países convidados a Francia e Marrocos.

Lembrou que esta edición contou con “92 proxeccións, 96 películas, incluídas as curtametraxes, sendo un Festival de Cine máis ourensán ca nunca, coa implicación de empresas de tódolos sectores, e o máis salientable: a implicación do público”. Neste sentido, destacou o importante incremento que se experimentou na asistencia ás salas de proxección e actividades paralelas con respecto á pasada edición, con 14.349 asistentes fronte aos 8.316 do ano 2018. De todas elas, asistiron ás proxeccións 9.024 persoas (6.249 no 2018), sendo xeneralizado o esgotamento de entradas en practicamente tódalas proxeccións da sección oficial, pero tamén con moita participación no resto das seccións programadas. 

O OUFF converteu a Ourense no “centro de referencia do audiovisual de España”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, tendo en conta o éxito mediático do Festival para o que se acreditaron “máis de 30 medios de comunicación e enviáronse 144 notas de prensa”. Tamén destaca desta edición do OUFF o seu impacto nas redes sociais nas que se fixeron 870 publicacións cun alcance global superior aos 3,5 millóns de impresións.

 Agora toca agardar á 25ª edición do Ourense Film Festival que celebrarase do 25 de setembro ao 3 de outubro, e coincidindo co Centenario da Xeración Nós, apostarase por descentralizar datas e espazos e haberá sesións matinais. Ademais, potenciarase a internacionalidade do festival tendo a Francia e Marrocos como países convidados.

Moitos parabéns.

Con la tecnología de Blogger.