Eleccións Xerais 10N: O PP esixe o cumprimento dos prazos comprometidos para a chegada do AVE a Galicia e reclama a licitación da variante exterior de Ourense


Galicia e nomeadamente Ourense seguirán a esixir o cumprimento dos prazos comprometidos para a chegada da alta velocidade a Galicia, así como a licitación da variante exterior de Ourense, imprescindible para dotar á comunidade dun medio de transporte competitivo de altas prestacións. Así o reclamamos os candidatos ao Congreso e ao Senado pola provincia de Ourense para as eleccions do 10 de novembro, durante a visita que esta mañá realizamos a Taboadela, onde se está a traballar no ramal provisional a Ourense e nun cambiador de ancho.

Ana Vázquez, Celso Delgado, Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte e Francisco Fernández, acompañados polo portavoz do PP en Taboadela, Antonio Paz, expresamos a nosa preocupación polas recentes manifestacións do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, nas que aprazaba ao 2021 a entrada en funcionamento do AVE.

Os candidatos rexeitamos calquera modificación das datas comprometidas, logo de que no último debate sobre o estado da autonomía se aprobara unha resolución do grupo popular, co apoio de socialistas e BNG, na que se pedía ao Goberno central o cumprimento dos prazos comprometidos para a chegada do AVE a Galicia, de xeito que estea en probas antes de que remate este ano e que en 2020 estea funcionando con todas as garantías de seguridade e poidan mercarse billetes.

VARIANTE EXTERIOR.

Os candidatos tamén falamos do retraso na licitación da denominada variante exterior ferroviaria, “un tramo indispensable para completar a chegada da alta velocidade á cidade e cuxa construción seguirá a esixir o PP”.

Na estación de Taboadela lembraron que se están a executar as obras de construción do cambiador de ancho, adxudicadas en novembro de 2018 por un importe de 5.131.669,87 euros, contrato que inclúe  a montaxe de vía no ramal de conexión entre a  LAV Madrid-Galicia e a liña convencional Zamora-Ourense, así como os traballos de reordenación da praia de vías na estación de Taboadela.

Una solución que permitirá a conexión da liña de alta velocidade, ao final do tramo Ponte Ambía-Taboadela, coa liña convencional Zamora-Ourense, para favorecer a continuidade das circulacións ata a capital ourensá mentres se tramita e constrúe a denominada variante exterior.

Precisamente sobre esta variante, de 16,9 quilómetros, os candidatos lembramos as sucesivas iniciativas desenvolvidas nas Cortes esixindo ao goberno socialista unha resposta sobre as razóns polas que o pasado 1 de xullo non foron licitadas por ADIF-AV as obras de plataforma da variante de Ourense, tal e como se anunciou no Diario Oficial da Unión Europea do 7 de marzo.

Estes anuncios estimaban a licitación na citada data dos tramos da plataforma Taboadela-túnel de Rante (88 millóns de euros), túnel de Rante-Conexión  

Amosamos ademais a nosa preocupación polo tramo da variante de Ourense entre  Seixalbo e Ourense, que tampouco foi licitado, sinalando que aínda agardaban explicacións sobre as medidas tomará ADIF-AV para evitar que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) deste tramo, aprobada o 25 de novembro de 2011 (BOE do 10 de decembro), perda vixencia como consecuencia de que aínda non foron licitadas as obras, o que tería uns notables efectos negativos.


Finalmente os candidatos sinalamos que non caben escusas de orde orzamentario para a licitación, xa que por prórroga orzamentaria en 2019 están vixentes os Orzamentos Xerais do Estado de 2018, elaborados polo goberno do PP, nos que ADIF-AV consignaba unha partida para esta variante ferroviaria, dentro dun custo total de 635,56 millóns, fixando a súa conclusión en 2024.

O pasado 31 de xullo, o Goberno respondía a una iniciativa dos deputados ourensáns do PP dicindo que “se traballaba coa previsión de aprobar os proxectos durante este ano 2019, o que permitiría a licitación das obras".




Con la tecnología de Blogger.