Os deputados do PP esixen ao Goberno socialista que remate co bloqueo de recursos financeiros das entidades locais da provincia ourensá


O grupo parlamentario popular esixe ao Goberno socialista que poña fin ao bloqueo de recursos financeiros de concellos e deputacións e explique as razóns da falta de pagamento. Nesta liña, os deputados ourensáns, Ana Vázquez Blanco e Celso Delgado, rexistramos unha serie de preguntas nas que se interesan pola débeda do Estado aos 92 concellos da provincia de Ourense e que medidas vai adoptar o Goberno para poñer fin a esta situación.

O grupo parlamentario popular interpela ao Executivo sobre os motivos polos que o Goberno non cumpriu coas súas obrigacións legais, e de raíz constitucional, para transferir a actualización dos recursos derivados da participación dos ingresos do Estado e do resto de recursos financeiros que corresponden ás entidades locais. Un bloqueo inxustificado de importes, denunciamos, que está a provocar tensións financeiras inaceptables nos concellos e que se traducen en menores e peores servizos públicos para os cidadáns.


Igual que ocorreu co financiamento das comunidades autónomas, o Goberno de Sánchez apela á concorrencia dun orzamento prorrogado e ás limitacións dun Goberno en funcións para negar un dereito das entidades locais e, por conseguinte, dos cidadáns que residen en cada unha delas.


Na nosa opinión, resulta un paradoxo dificilmente aceptable que o libramento dos recursos económicos por parte do Estado ás entidades locais sexa posto en cuestión por un Goberno que non tivo reparos en aprobar reais decretos leis que crean novos dereitos económicos, facendo estalar o teito de gasto non financeiro do Estado e crebando a ordenación xurídica sobre estabilidade orzamentaria.

Neste sentido, reclamamos a través das distintas iniciativas presentadas por todo o grupo parlamentario popular a cuantificación do impacto económico financeiro que a devandita falta de pagamento está a provocar en cada entidade local en España; cando e de que modo cubrirá o Goberno o esforzo orzamentario que están a facer estas entidades para atender o incremento das retribucións dos empregados públicos (previsto no Real Decreto Lei 24/2018, do 21 de decembro), e se ten previsto convocar á Comisión Nacional de Administración Local, para dar conta das razóns desta parálise e posibles solucións á mesma.


Tamén se rexistraron preguntas por outras liñas de financiamento directo, como subvencións ou convenios, que se atopan paralizados ou conxelados. Nun momento de desaceleración económica e perda de emprego necesítase boa xestión e non irresponsables manobras electorais ao servizo do presidente en funcións e pagadas por todos os españois.


Negar os recursos das entidades locais sobre a base de opinións sen fundamento técnico é negar a base mesma do noso sistema de organización territorial, destacamos.

Estas preguntas súmanse á batería de iniciativas que o GPP está a presentar para reclamar ao Goberno explicacións e solucións ante o bloqueo do financiamento de servizos esenciais que prestan as administracións territoriais.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.