lunes, 30 de septiembre de 2019

O galego consolídase como o idioma con mellores índices de coñecemento de todas as comunidades autónomas con linguas cooficiais


Hai poucos días, o IGE difundía a  Enquisa estrutural a fogares (EEF) que é unha actividade estatística anual dirixida aos fogares galegos co obxecto de obter información sobre as súas características socioeconómicas. Consta de dúas partes: unha primeira de carácter xeral que se repite todos os anos, deseñada para recoller información sobre variables básicas, e unha segunda de carácter específico.
No anon 2018 un dos módulos específicos está dedicado ao coñecemento e uso da lingua galega. Neste módulo analízanse, entre outras cousas, o grao de coñecemento do idioma galego nas súas distintas formas (oral e escrito) e o seu uso en distintos ámbitos sociais.
Estos son os principais resultados:
Coñecemento do galego
No ano 2018 o 57,59%  dos galegos e das galegas de 5 ou máis anos manifesta que sabe falar o galego moito, o 30,46 % bastante e o 11,95 %  pouco ou nada. Entre a poboación menor de 15 anos, a porcentaxe de persoas que saben falar pouco ou nada o galego sitúase no 23,90 %, mentres que entre a poboación de 65 ou máis anos sitúase no 8,84 %.
A familia segue a ser a principal vía de aprendizaxe do idioma galego. O 83,36 % dos galegos e das galegas aprendeu a falar o galego neste ámbito, pero ao cinxirse á poboación menor de 30 anos a escola supera á familia como medio de aprendizaxe: o 93,73 % das persoas neste grupo de idade aprendeu o galego na escola e o 69,99 % coa familia.

Uso habitual e inicial do galego

En 2018 o 30,57 %  da poboación de Galicia fala sempre en galego. Esta porcentaxe é inferior á rexistrada hai 5 anos en 0,63 puntos.
Por outra banda, a porcentaxe de poboación que fala máis galego que castelán aumentou 1,43 puntos respecto ao ano 2013 ata situarse no 21,72 %; tamén aumentou a porcentaxe dos que falan máis castelán que galego: 22,26 % en 2013  e 23,32 % en 2018.
Finalmente, algo máis do 24 % dos e das residentes en Galicia fala sempre en castelán, 1,85 puntos porcentuais menos que en 2013. 
O uso do galego é desigual dependendo da idade da poboación. Deste xeito, o 48,48 % das persoas de 65 ou máis anos fala habitualmente só en galego e un 24,91 % utiliza máis o galego que o castelán. Pola contra, entre os rapaces e as rapazas de 5 a 14 anos, o 14,27 % habitualmente sempre fala en galego, o 11,85 % máis en galego que en castelán e o 73,88 % restante utiliza sempre o castelán ou máis castelán que galego.
Evolución da porcentaxe de persoas segundo a lingua na que falan habitualmente. Galicia

No tocante á lingua habitual de escritura, o castelán segue a ser a lingua máis utilizada polas persoas que viven en Galicia. A porcentaxe de poboación que habitualmente escribe en galego é do 16,64 %.

Ao comparar os datos segundo a lingua na que falan habitualmente, obsérvase que entre as persoas que sempre falan en galego, o 36,19 % 
escribe habitualmente na mesma lingua e o 63,81 % faino en castelán.

Uso do galego no ámbito familiar

O 44,34 % da poboación de Galicia que ten fillos ou fillas fálalles en galego sempre, o 31,20 % sempre en castelán, o 13,85 % máis castelán que galego e o 9,50 % máis galego que castelán. No tocante aos fillos e ás fillas, cabe destacar que arredor do 39 % fala sempre en galego cos seus proxenitores e arredor do 37 % sempre en castelán.

Uso do galego no ámbito social

Dentro do ámbito social, o uso exclusivo do galego está máis estendido nas relacións entre amigos. O 34,12 % da poboación de Galicia habitualmente fala sempre en galego cos amigos e coas amigas. Porén, o 39,40 % comunícase co profesorado dos seus fillos e fillas exclusivamente en castelán e o 34,07 % sempre utiliza este idioma cos especialistas sanitarios.

Uso do galego no ámbito laboral

No referente ao ámbito laboral, o 29,57 % das persoas ocupadas de Galicia fala sempre en galego cos compañeiros e coas compañeiras de traballo e o 18,61 % utiliza máis galego que castelán. A porcentaxe das persoas que falan sempre en galego ou máis galego que castelán cos seus superiores sitúase no 42,79 %.

Uso do galego no ámbito educativo

 No ámbito educativo a utilización de ambos idiomas, galego e castelán, é bastante parella: o 59,57 % das persoas que estudan en Galicia recibe a mesma proporción de clases en galego que en castelán. Agora ben, se diferenciamos pola idade da persoa e, por conseguinte, por nivel educativo, esta porcentaxe cambia: sobe ata o 72,72 % para a poboación de 5 a 16 anos, pero baixa ata o 36,03 % entre a poboación de 17 ou máis anos. Este colectivo recibe o 46,48 % das clases en castelán ou maioritariamente neste idioma.

Uso do galego nos medios de comunicación

Segundo se desprende da enquisa, o 17,65 % da poboación galega de 16 ou máis anos ve a televisión sempre en galego ou máis en galego que en castelán, aínda que hai un 26,60 % que sempre a ve en castelán. Á hora de escoitar a radio, o 14,26% faino sempre en galego ou maioritariamente en galego.
O uso do galego está menos estendido noutros medios de comunicación. O 59,10 % dos e das residentes en Galicia de 16 ou máis anos sempre le a prensa en castelán, o 54,03% só le libros en castelán, o 69,47% navega pola rede sempre neste idioma e o 52,07% emprégao sempre nas redes sociais.
Fogares e idioma
En 2018 no 22,70 % dos fogares galegos todos os seus membros de 5 ou máis anos falaban habitualmente só en galego. Esta porcentaxe aumentou 0,49 puntos respecto ao ano 2013.
A porcentaxe de fogares nos que todos os seus membros de 5 ou máis anos falan habitualmente só galego é maior nos concellos pequenos que nos grandes. Así, nos concellos con menos de 10.000 habitantes esta porcentaxe ascende ao 45,70 % pola contra, nos concellos de máis de 50.000 habitantes baixa ao 5,66 %.
Percepción do uso do galego na sociedade
30,67% da poboación galega de 16 ou máis anos considera que na actualidade se fala pouco ou nada o galego. Esta porcentaxe é maior nas provincias da franxa atlántica, con valores de 33,44% na Coruña e do 34,61% en Pontevedra. No outro extremo atópase a provincia de Ourense, onde a porcentaxe baixa ata o 19,34%.

Por outra banda, o 26,33% da poboación galega considera que na actualidade se fala máis galego que hai 5 anos, para o 50,12% a percepción do uso do galego non variou neste intervalo de tempo e, finalmente, o 23,54% restante cre que se fala menos galego que no ano 2013.

Áreas e grandes concellos

As áreas da Coruña suroriental e da Costa da morte son as que presentan maiores porcentaxes de poboación que fala habitualmente en galego sempre ou máis galego que castelán, cun 93,14% e un 92,43%. No outro extremo atópanse a área de Vigo, cun 25,5% a área da Coruña, cun 33,55 %, e a área de Ferrol-Eume-Ortegal, cun 33,75.
O concello, de entre os 7 de maior tamaño de Galicia, onde unha maior porcentaxe de poboación fala habitualmente en galego ou máis galego que castelán é Lugo (o 44,7 % da poboación de 5 ou máis anos deste concello) e no que menos se emprega este idioma é Vigo (o 15,21 %). No de Ourense a porcentaxe é do 33,51 %.


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez Román Rodríguez destacou, á espera de analizar polo miúdo toda a información publicada polo IGE, o incremento de máis de dous puntos dos pais e nais que lles falan o galego aos seus fillos, un feito que favorece a transmisión familiar da lingua. Ademais, recordou que seguimos sendo a comunidade autónoma que asegura uns maiores índices de coñecemento da lingua propia cooficial. “As cifras amosan que estamos ante un escenario sociolingüístico positivo, que reflexa un modelo de convivencia no uso das linguas”, afirmou. De feito, en eidos como a competencia escrita, acádase unha porcentaxe histórica de 86,79%.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es


Recibirá resposta