Unha estratexia conxunta na loita contra os incendios forestais.



Da actualidade política de onte saliento que onte o conselleiro do Medio Rural, José González, propuxo no Parlamento un pacto da Comunidade Autónoma de Galicia a prol dunha estratexia conxunta na loita contra os incendios forestais.
Isto plasmaríase, segundo explicou, en que “afrontemos todos xuntos, Goberno, grupos parlamentarios, grupo de expertos designado polos propios grupos parlamentarios e membros do servizo contra incendios” este problema.
O conselleiro animou a todos a acadar un gran consenso sobre o particular, de forma que “teñamos a suficiente altura de miras para cumprir co mandato que nos deron os cidadáns que nos votaron: poñernos de acordo na solución dos seus problemas”, co obxecto de que non se empregue o lume como ferramenta partidista, remarcou. Fíxoo nunha comparecencia a petición propia para explicar os pormenores do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2019.
Así, José González salientou as principais novidades desta planificación anual, entre as que citou a posta en marcha dun teléfono gratuíto e confidencial de denuncia anónima para fomentar a colaboración cidadá fronte os incendiarios. Avanzou que o número deste servizo telefónico será o 900 815 085 e que estará operativo na época de alto risco de incendios.
Outros aspectos destacados do Pladiga, tal e como sinalou o conselleiro, teñen que ver co uso de tecnoloxías para a loita contra o lume e con melloras organizativas. Así, falou do emprego de drons tanto para as tarefas de vixilancia e detección como de apoio na extinción e investigación dos incendios. Por outra banda, salientou que se mellora tamén a vixilancia fixa, coa incorporación de 30 novas cámaras de última xeración, que se suman ás 88 xa instaladas na Rede de videovixilancia forestal, polo que se disporá dun total de 118 repartidas por todo o territorio forestal galego. En canto aos medios e ao persoal, explicou José González, serán máis de 7.000 as persoas implicadas no operativo, contabilizando as da propia Xunta, da Administración do Estado e dos concellos, apoiadas por unha trintena de medios aéreos e por 360 motobombas, entre outros medios.

Mellora da prevención
Nesta comparecencia, José González deu conta dos diferentes traballos desenvolvidos pola Xunta para mellorar a prevención dos incendios. Entre eles, puxo en valor o desdobramento da antiga Dirección Xeral de Ordenación Forestal en dúas direccións xerais, unha centrada na planificación do monte e outra na súa defensa fronte o lume.
Neste contexto, o titular de Medio Rural explicou avances como a elaboración dos plans de ordenación forestal dos distritos que, dixo, comezarán neste mesmo 2019. Tamén, trasladou a situación da revisión e procura de consenso en torno ao Plan Forestal de Galicia, que –indicou– “traeremos a este Parlamento antes de que remate este ano” ou a posta en marcha do Inventario Forestal da nosa comunidade.
Cara o futuro inmediato, en materia lexislativa, o conselleiro lembrou que elaborará unha nova lei de prevención e extinción de incendios de Galicia. Neste aspecto destacou que se terán en conta todas as achegas dos membros do servizo de loita contra incendios forestais, cos que precisamente o conselleiro veu mantendo xuntanzas para coñecer de primeira man as súas inquedanzas e abordar posibles melloras en todo o dispositivo. Tamén se contará coas achegas que faga o grupo de expertos.
Así, José González adiantou ademais que a prevención estratéxica se centrará en aspectos como a súa integración na ordenación do territorio, a potenciación das devasas fronte o lume ou o incremento do tamaño das franxas de protección, en determinadas áreas, para garantir a súa efectividade. A maiores, o conselleiro sinalou que se analizará o comportamento pasado dos incendios nas zonas de máxima incidencia, para anticiparse ao seu desenvolvemento futuro e cuadricularase o territorio galego para, no caso de grandes incendios, “ter claro onde esperalos para poder paralos”.
O conselleiro debullou tamén o acordo con Seaga e a Fegamp para a protección das aldeas que, lembrou, está dotado con 28 millóns de euros de fondos propios da Xunta en catro anos. Nesta liña, destacou que hai case 200 concellos adheridos e fixo un chamamento aos que faltan para que se incorporen.
Servizo único, público e versátil

Por último, José González insistiu na súa defensa dun servizo único, público, profesional e versátil de loita contra os lumes forestais. Nesta liña salientou a creación de 548 novas prazas de persoal laboral, o incremento progresivo do tempo mínimo de traballo das brigadas de reforzo, que pasaron de traballar tres meses ao ano en 2017 a facelo seis meses de xeito gradual no 2020 e o reforzamento da formación cun plan adaptado ás necesidades dos seus traballadores.
En relación coa versatilidade e a profesionalidade, o conselleiro fixo fincapé na importancia de manter o alto nivel na extinción e de traballar tamén moito máis na prevención. 

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.