sábado, 4 de mayo de 2019

Na presentación da candidatura municipal do PP de Allariz

Asisto hoxe na sede dos populares de Allariz,ao acto de presentación da candidatura ao Concello que encabeza Luz Doporto.

A candidata na súa intervención dixo: “o ano 89 queda moi atrás, tanto que na nosa candidatura hai persoas moi mozas que nin naceran entón e, agora, se comprometen para dar o mellor de seu e sacar ao Concello de Allariz da parálise”. 

Luz presentou así ás nove mulleres e oito homes que lle acompañan na candidatura, “na que ademais de renovación tamén imos ter a contribución da experiencia”.

Doporto pediu aos afiliados e simpatizantes que se deron cita na sede popular de Allariz “que teñades orgullo de ser do PP, dun partido que sairá ás rúas e conseguirá que toda a veciñanza entre na casa que tamén é de todos, a casa do concello”.

“Non imos seguir na escuridade”, dixo a candidata, para quen “despois de 30 anos de atraso xa é hora de facer as cousas doutro xeito e ofrecer unha mellor calidade de vida aos veciños”. Hai ilusión, afirmou, “e iso fai que as persoas crean en nós e consigamos cos nosos votos que o BNG perda a maioría”. A partir de aí, Luz Doporto comprometeuse a activar un concello paralizado “arranxando todas as estradas municipais, reducindo a débeda, baixando a contribución, apoiando ao comercio e facendo que os próximos catro anos sexan o mandato do rural en Allariz, pero adaptado á nova forma de vida e de traballar do século XXI”.

Logo foi o turno do presidente provincial Manuel Baltar.

Dixo que se en algún lugar de Ourense hai necesidade de cambio, ese é Allariz, onde podemos ter a oportunidade de visibilizar a verdadeira democracia, de dar osíxeno á participación cidadá e crear un clima de concordia, lonxe da confrontación”.

Baltar pediu un exercicio de reflexión “nun momento histórico, pois co resultado do domingo o BNG perdería a maioría absoluta”. O PP alaricano, lembrou,” xa foi quen de gañar en anteriores eleccións e nas xerais do domingo contribuíu a que Ourense fose a provincia de España con maior apoio ao Partido Popular, conseguindo cinco dos oito representantes da provincia nas Cortes Xerais”.

Os nacionalistas non conseguiron ni tan siquera un só representante no Congreso, dixo o presidente provincial, “e facendo unha extrapolación dos datos destas eleccións tampouco ocuparían escano algún na Deputación, o que demostra que este nacionalismo está en regresión”.

Con todo, Manuel Baltar subliñou que 25 de cada 100 persoas non foron a votar o domingo, polo que pediu un esforzo aos afiliados do PP para que expliquen o programa popular “e convenzades aos vosos veciños para que opten por un proxecto político que xa demostrou a súa capacidade de xestión”. No lado contrario, advertiu, “hai un concello endebedado pero que non ofrece servizos de calidade, nin favorece unha política aberta e participativa e cunha alcaldesa que non presentou ninguna proposta de colaboración coas administración”.


O Partido Popular ten unha vantaxe, concluíu, “xa que pensa en clave provincial, sabe que os ourensáns teñen intereses comúns e un proxecto para cada concello”.