Esta semana coñecemos que Adif Alta Velocidade aprobou a adxudicación dos traballos de tratamento de perfil e amolado de carril do tramo Zamora- Pedralba, na Liña de Alta Velocidade (LAV) Madrid-Galicia. O contrato foi adxudicado a Speno Internacional por 627.644,42 euros (IVE incluído), cun prazo de execución de seis meses.
As operacións de tratamento de perfil e amolado consisten na obtención da xeometría requirida polos carrís para unha rodaxe óptima do material circulante, xeometría que non é posible alcanzar na súa totalidade mediante o proceso de produción do carril en fábrica.
Como resultado destas operacións conséguese unha correcta interacción roda-carril, en perfectas condicións de seguridade e fiabilidade.
Este tratamento previo é habitualmente necesario ante a entrada en servizo dunha nova vía e consegue os seguintes efectos beneficiosos:
- Minora posibles defectos de fabricación.
- Elimina a capa de material descarburada, conseguindo un carril máis resistente e atrasando a formación do desgaste ondulatorio.
- Elimina os danos de montaxe.
- Logra homoxeneizar e mellorar a inclinación transversal e a continuidade da superficie de rodaxe.
Tramo Zamora-Pedralba de la Pradería
Este tramo de alta velocidade ferroviaria, inscrito na LAV Madrid-Galicia, parte da estación de Zamora e ten unha lonxitude total de 110 km, con dobre vía en ancho estándar ou UIC (1.435 mm) en todo o seu percorrido.
O tramo, finalizado e en fase de probas, está deseñado para velocidades máximas de ata 350 km/ h, con electrificación 2x25 kV 50 Hz en corrente alterna, sistemas de control de tráfico ERTMS N2 e Asfa, e sistema de comunicacións móbiles GSM- R.
O trazado inclúe, como elementos principais, 16 viadutos, 9 túneles, o PAET (Posto de Adiantamento e Estacionamento de Trens) de Tábara, a nova estación de Sanabria, na localidade de Otero de Sanabria (termo municipal de Palacios de Sanabria), e un cambiador de ancho en Pedralba de la Pradería.
Recibirá resposta