Na inauguración da exposición "Castelao e Prada, irmaus!"


Asisto onte pola tarde ao acto inaugural na antiga biblioteca do Pazo Provincial a exposición "Castelao e Prada, irmaus!", que acolle a obra pictórica icónica do galeguismo, A derradeira leición do mestre, de Alfonso Rodríguez Castelao, que se exhibe por primeira vez na provincia de Ourense.

Un acto contou coa participación de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; de Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda; do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; do escritor e presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar, e do presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén. 

O presidente da Deputación de Ourense dixo que "a irmandade e a conciencia galeguista foron os elos que mantiveron unidos a Castelao e Prada nunha mesma causa, a do recoñecemento da nosa identidade como pobo".

Manuel Baltar salientou a significación da exposición: "Castelao e Prada mantiveron unha estreita amizade e unha leal colaboración política, a cal, desde a Deputación de Ourense, quixemos salientar cunha soa palabra: "irmaus", engadindo que foron moitas as accións desenvolvidas por ambos desde 1931, cando se coñeceron en Pontevedra -na fundación do Partido Galeguista- ata o 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires, data do pasamento de Castelao", "unha irmandade que para eles foi lei de vida, entrega absoluta e xenerosa, amor e servizo a Galicia. E volve ser a forza imparable da irmandade a que os xunta de novo, hoxe, en Ourense".

Lembrou que para dar testemuña da tarefa de recuperación política e cultural do galeguismo, "trouxemos, hai poucos meses, as cinsas mortais de Rodolfo Prada e da súa dona, Manuela Fraga. Lembramos así unha figura comprometida -Prada estivo en case todo-, e cumprimos a súa vontade de patriota de descansar na terra onde naceu, en palabras de Rodolfo Prada, "cando a democracia e a autonomía volvan ser os piares de Galicia".

Rematou o seu discurso salientando que con Castelao, Bóveda e Prada, e con Otero Pedrayo, Risco e Cuevillas, "sentaremos os alicerces do centenario de Nós, porque cremos no galeguismo sen epítetos nin apelidos, e porque temos o deber de honrar a todos os bos e xenerosos".

Pola súa banda, Luís González Tosar destacou na súa intervención o papel do Partido Galeguista, "do que recibimos a estirpe dos bos e xenerosos", e referiuse ao importante valor testemuñal da correspondencia entre Castelao e Prada, "capítulos de bonhomía e de irmandade entre dous homes, que nos ensinan o máis luminoso de Galicia, un compromiso de autenticidade e liberdade".

Amalia Bóveda expresou "a dor que supón contemplar este lenzo, mais hai compromisos dos que non se pode fuxir", e salientou que a leición do mestre ten dor pero tamén orgullo, "a memoria e grata pero tamén e molesta; e pasado e presente, e debemos facela aínda máis presente e máis pública, sen medias tintas e con valentía", dixo a filla de Alexandre Bóveda, quen expresou o seu agradecemento á Deputación de Ourense.

"Os nosos irmáns do pasado non entenderían situarse de perfil neste momento -afirmou-, e calquera que coñeza a Rodolfo Prada, a Castelao, a Alexandre Bóveda..., entenderíao como unha traizón máis á que someteríamos á súa memoria", destacando que é momento "de espallar con orgullo e de poñer en práctica a leición do mestre".

José María Vila Alén defendeu que a pegada "do noso galeguismo e da nosa emigración se dea a coñecer entre os novos, nas escolas", subliñando que este cadro "xúnguenos coa nosa historia e representa a Galicia que non coñece de fronteiras artificiais, homenaxeando a Alexandre Bóveda, que loitou a prol da súa terra e espallou esperanzas de futuro, algo que Castelao soubo reflectir perfectamente". E rematou: "Oxalá aprendamos a leición". Pola súa banda, Román Rodríguez dixo que a senlleira obra de Castelao "é máis ca un cadro, forma parte do ser de Galicia", e que a súa mensaxe "non a debemos esquecer senón mirar ao futuro coa forza da cultura e da educación".

O acto contou na súa parte musical coa participación do gaiteiro Marco Foxo, quen interpretou ao inicio da celebración a Alborada de Ourense, rematando co Himno de Ourense e co Himno Galego.

Rematado o acto tive oportunidade de saudar á Dona Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda., diante desta obra maxistral de Castelao.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.