Unha iniciativa que converterá á EDAR de Ourense nunha auténtica biofactoría


Hoxe o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacaba en Ourense o novo traballo da unidade mixta de tratamentos de auga CIGAT para, a través de novas tecnoloxías, transformar os lodos producidos durante o proceso de depuración en produtos que poidan ser empregados pola industria química.
Durante a presentación da Unidade Mixta CIGAT-Biofactoría, Feijóo precisou que este traballo de investigación, no que as instalacións da EDAR de Ourense serán a base de operacións, centrarase, sobre todo, no aproveitamento de residuos xerados por sectores de elevado peso na economía galega como son: o lácteo ou o vitivinícola, coa finalidade de obter alternativas a produtos derivados do petróleo, como poden ser os plásticos, os produtos de limpeza, os adhesivos ou as pinturas.
“Estamos a falar dunha iniciativa que converterá á EDAR de Ourense, á depurada da terceira cidade de Galicia, nunha auténtica biofactoría: fomentando a economía circular, promovendo unha industria máis limpa e eficiente e axudando a unha xestión máis eficiente da auga”, aseverou.
Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu na importancia de desenvolver tecnoloxías que contribúan a un mellor aproveitamento das augas residuais, como están a facer Cetaqua e Viaqua nesta unidade mixta de investigación, posta en marcha desde 2015, e que xa conseguiu espertar o interese dunha multinacional farmacéutica que xa comercializa unha das súas solucións para o tratamento e reutilización de augas residuais con presenza de microcontaminantes. Un consorcio que se consolida con este novo proxecto de investigación, que conforman ambas as dúas entidades xunto coa Administración autonómica orientado ao sector industrial.
O presidente do Goberno galego resaltou o traballo deste centro e a súa contribución ao esforzo que se leva feito desde a Xunta ao longo destes dez anos para que a xestión da auga en Galicia se faga de xeito responsable, eficiente e sustentable, contando coa participación de toda a sociedade galega.
Nesta liña, lembrou que, desde 2009, se potenciou unha mellora nos sistemas de saneamento de depuración de augas residuais, que permitiu que o 76% das masas de auga estean actualmente nun estado ecolóxico óptimo. “Investíronse, para iso, máis de 1.100 millóns de euros en saneamento e abastecemento, ademais da construción de 45 novas depuradoras”, precisou, recordando tamén a mellora dos sistemas de abastecemento para avanzar na garantía de subministración de auga en cantidade e en calidade, con máis de 300 actuacións en materia de abastecemento das que se beneficiaron 186 concellos.
Así mesmo, resaltou o esforzo, sen precedentes, na planificación da xestión do dominio público hidráulico, cun segundo Plan hidrolóxico no que se investiron 654 millóns de euros, ademais dun Plan de prevención de riscos por inundacións e dun Plan de seca, “e esperamos remitir neste semestre un novo texto ao Parlamento para consolidar a administración hidráulica galega e presentar unha fórmula administrativa para poder ofrecer a todos os concellos abastecemento e saneamento responsable, cunha tarifa harmonizada e cuns controis de calidade e cuns servizos para todos os cidadáns, con independencia de onde vivan”, lembrou.
Por último, resaltou que, desde que en 2014 se puxo en marcha o programa das unidas mixtas, xa se levan constituído 39 alianzas ou consorcios de investigación entre 13 centros de coñecemento e 33 empresas de diversos sectores, cunha mobilización de 114 millóns de euros, e que dan emprego a preto de 580 profesionais.

Con la tecnología de Blogger.