Feijóo proporá unha convocatoria de MIR extraordinaria para a atención primaria co obxectivo de paliar a evidente ausencia de profesionais


Da actualidade políotica de hoxe en Galicia, saliente a comparecenencia di presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo anunciou na comisión de investigación sobre a Sanidade pública do Parlamento de Galicia, que proporá a todos os presidentes autonómicos a convocatoria de MIR extraordinaria para a atención primaria co obxectivo de paliar a evidente ausencia de profesionais.
Difunde a Xunta unha nota de prensa que reproduzo:  “Feijóo defendeu, deste xeito, a necesaria implicación do Goberno central -unha Administración que posúe capacidade decisoria única sobre aspectos tan básicos como o número de médicos que se forman cada ano, e en que especialidades- e precisou que tratará este tema co futuro presidente andaluz, “e espero que tamén –abundou- co resto de presidentes que saian elixidos nas próximas eleccións autonómicas de maio".
Ante o aumento progresivo da demanda e a escaseza de profesionais para cubrir prazas de primaria, o titular da Xunta incidiu en que a mellora deste servizo “é un dos asuntos que nos convoca de forma máis urxente”. E recordou, nesta liña, que ademais da decisión da Xunta de intensificar as categorías de atención primaria nas próximas ofertas públicas de emprego, comezando pola deste ano 2019, a reformulación do modelo de atención primaria está sendo xa obxecto de debate nos grupos específicos propostos polo Servizo Galego de Saúde: máis de 60 profesionais presentarán un conxunto de propostas á Administración sanitaria previsiblemente no próximo mes de febreiro.
Sobre este punto, salientou que, se ben algunhas delas xa foron trasladadas, e mesmo están sendo tramitadas polo Sergas, como a nova modalidade contractual, para establecer vínculos temporais máis amplos do persoal médico de familia e pediatras, xa se están a avaliar outras medidas como: a creación dun director de Atención primaria en cada área sanitaria; visibilizar de xeito específico os presupostos que se dedican aos hospitais e á atención primaria; definir e clarificar un novo modelo dos novos roles profesionais da primaria, tanto para o persoal médico como de enfermería e o resto do persoal; axilizar e intensificar a relación entre Primaria e Especializada, que quede protocolizada as probas que un médico de atención primaria pode pedir a atención especializada; revisar o modelo de atención ás urxencias na súa totalidade; primar a permanencia en prazas de difícil cobertura, de xeito que nas OPE e nas ofertas de traslados se puntúe de xeito adicional cubrir prazas no rural ou cubrir prazas complexas cando teñan un cupo de pacientes complexos pola idade ou por enfermidades crónicas.
Tamén ponderar nos concursos o tempo traballado en prazas que se están a ocupar por especialistas de enfermería, é dicir, ter en conta o coñecemento e formación que achegan estes profesionais en primaria. Facer unha ponderación máis axeitada dos cupos, en función da complexidade das patoloxías, é dicir, ter en conta tanto nas retribucións como na distribución dos cupos o número de pacientes de 0 a 3 anos que ten un pediatra, e no caso dos adultos o número de pacientes de máis de 70 anos que ten un médico de familia nos centros de saúde. E estimular a formación e innovación buscando fórmulas que permitan unha maior integración dos profesionais da Primaria nos equipos de investigación sanitaria que está funcionando no Sergas.
Compromiso de seguir defendendo a Sanidade pública con máis Sanidade pública
Ademais de seguir defendendo a necesidade dun gran pacto nacional que permita salvagardar a calidade e a sustentabilidade do sistema sanitario, Feijóo aseverou que, paralelamente, en Galicia se seguirá traballando, na xestión diaria e tamén nos principais retos estruturais que existen cara ao futuro, entre os que destacan: dar resposta ao número crecente de pacientes crónicos; afrontar a conxuntura de prestar servizos no rural; desenvolver a medicina de precisión e personalizada en moitas patoloxías; ou ampliar a atención domiciliaria como unha das fórmulas máis axeitadas para responder ás necesidades do avellentamento da sociedade.
“Imos seguir defendendo a Sanidade pública da única maneira que pode facerse: con máis Sanidade pública. Exactamente como ata agora e exactamente como queren a maioría dos galegos”, sentenciou, lembrando que hoxe os galegos temos garantido por lei prazos de espera máximos, unha posibilidade da cal desde 2017 xa se beneficiaron 43.000 persoas.
Igualmente, hoxe hai dereito de elección de médico, pediatra ou persoal de enfermería, así como de centro hospitalario por un novo problema de saúde, opción que elixiron libremente máis de 311.000 galegos. Hai dereito a unha segunda opinión máis áxil, e xa a teñen solicitada máis de 1.200 persoas e hai máis vías rápidas que nunca para a atención de determinados cancros -mama, colon, pulmón próstata, vexiga, melanoma e cabeza e colo-, o que permitiu acadar un tempo medio de derivación desde a atención primaria ata o especialista de menos de cinco días. 


Así mesmo, referiuse aos novos servizos de atención, como a consulta telefónica en atención primaria ou o seguimento postoperatorio a todos os pacientes dados de alta no hospital que son chamados desde o centro de saúde; á mellor información e máis accesible, grazas á extensión da historia clínica e da receita electrónicas ao cen por cento dos galegos; e ás novas vacinas gratis que nunca para os nenos (como a da varicela e o pneumococo) que antes había que pagar, incorporouse a da tose ferina para mulleres embarazadas e, por primeira vez, aprobouse un calendario de vacinación para adultos.

“Hoxe hai novos medios de prevención, grazas, por exemplo, a un sistema de cribado semellante ao do cancro de mama para o cancro de colon, e desde este ano tamén para o cancro cervical. E están consolidados novos tratamentos que antes non existían, como é o caso da hepatite C”, asegurou, precisando sobre este punto que o Servizo Galego de Saúde leva investidos 130 millóns de euros nestes tratamentos e tratados 7.800 afectados por esta patoloxía, sendo Galicia unha das primeiras comunidades en iniciar os tratamentos.
Máis fondos, máis profesionais e máis medios para prestar un mellor servizo
Ao longo da comparecencia, Alberto Núñez Feijóo constatou que nos últimos anos os recursos sanitarios non só non diminuíron, senón que aumentaron, convertendo Galicia na quinta comunidade con maior gasto sanitario consolidado de España: en datos absolutos, cun aumento próximo ao 10 % (de 3.600 en 2008 a 3.987 millóns de euros do 2018); e, tamén, en datos relativos, con máis de 4 puntos de incremento (do 36 ao máis do 40 % no 2018).
“E hai tamén máis profesionais: 2.300 profesionais máis, un 6,5% de incremento respecto á situación que atopamos en 2008. En persoal médico e de enfermería aumentamos en máis de 1.300 en atención hospitalaria e arredor de 250 efectivos en primaria”, explicou, referíndose ademais ao esforzo levado a cabo para mellorar a situación dos profesionais sanitarios, como demostra, entre outras iniciativas, a aprobación da carreira profesional específica, que suporá melloras engadidas, as OPE que superan as 7.500 prazas convocadas, ou a recuperación do nivel retributivo que se vira afectado durante a crise.
O titular da Xunta sostivo que o exemplo máis ilustrativo desa mellor dotación é a modernización completa das infraestruturas sanitarias, que se está a levar a cabo de xeito ininterrompido desde 2009 e que ao seu remate permitirá poñer á disposición dos galegos un novo Servizo Galego de Saúde, mellor preparado para hoxe pero tamén para o futuro.
Ao respecto, precisou as obras que están completamente rematadas: en Vigo construíuse un dos mellores hospitais públicos de España; en Lugo equipouse totalmente un novo hospital público e mellorouse a carteira de servizos; no hospital público do Salnés ampliouse un 26% a superficie hospitalaria; no hospital público de Verín ampliouse a carteira de servizos e renováronse as consultas externas; e, no hospital público de Cee instalouse unha nova sala de hemodiálise e modernizáronse os quirófanos.
E, sobre outras actuacións explicou que: en Ourense, xa está funcionando o novo edificio de hospitalización con 52.000 metros cadrados adicionais e presentada a 2ª fase que complementará a mellora do centro. No hospital público da Mariña séguese avanzando na súa ampliación, cuxa primeira fase xa está rematada, cun aumento da superficie dun 33%. No hospital público da Coruña renovouse o 100% do bloque cirúrxico e duplicáronse as urxencias, e antes de que remate a lexislatura, presentarase o novo hospital público da Coruña. E, en Pontevedra, estase traballando no proxecto do futuro Gran Montecelo e este ano licitarase a primeira fase das obras.
Por outra banda, no hospital público de Ferrol redactouse o proxecto básico e de execución e xa está licitado. Xa se está planificando a futura reorganización e ampliación do hospital público de Santiago. No hospital público do Barbanza ampliáronse as consultas externas, inaugurouse un laboratorio de análises e xa se comezou coa ampliación das urxencias. No hospital público de Monforte introduciuse o servizo de oncoloxía e proximamente contratarase o seu proxecto de remodelación. E o hospital público de Valdeorras terá proximamente un proxecto de reforma con novo equipamento.
“E, igualmente, as infraestruturas de atención primaria están sendo obxecto de melloras importantes”, dixo, resaltando que, desde 2009, a Xunta actuou en 54 centros de saúde e, en 2020, esta cifra incrementarase ata os 82 ambulatorios.
Segundo o titular do Goberno galego, a mellor dotación sanitaria tamén se reflicte no ámbito tecnolóxico. Non en van, nunca antes se fixera unha aposta tan forte pola incorporación de tecnoloxía, con 100 millóns nos últimos anos: desde a máis alta tecnoloxía -quirófanos híbridos, resonancias, PET, aceleradores lineais, etc.-; ata a aparellaxe máis simple pero igualmente fundamental -mamógrafos, ecógrafos, electrocardiógrafos, entre outros-.
Diante destas infraestruturas, Feijóo confirmou que hoxe sete de cada dez galegos viven a carón dun centro novo ou renovado. “E cando todas se completen, será o cen por cen”, matizou.
Na súa intervención, o presidente do Goberno galego expresou o orgullo de que os galegos fósemos capaces de blindar e mesmo mellorar os nosos servizos públicos, e especialmente a Sanidade pública, ao tempo que asegurou que se foi posible é grazas: á responsabilidade dos distintos departamentos do Goberno, que aceptaron reducir o presuposto de todas as consellerías para manter e incluso incrementar o da Consellería de Sanidade; á responsabilidade dos pacientes, que mudaron normalmente actitudes con grande impacto no gasto, como incrementar o consumo de medicamentos xenéricos do 10 en 2008 ao 44% en 2018; e á responsabilidade dos profesionais, que durante varios anos exerceron o seu labor con soldos conxelados, sen extras ou con menos días de libre disposición.
En relación a este último punto, Feijóo salientou que esta implicación dos profesionais do Sergas, reflíctese en datos obxectivos como: o máximo histórico en intervencións cirúrxicas - 210.000 en 2018, é dicir, 34.000 máis que no 2008-; o máximo histórico en consultas, en hospitais (4,5 millóns, 15,8% máis) e en atención primaria (26,6 millóns, un 3% máis); o máximo histórico de transplantes (354 o pasado ano, un 32 % máis que en 2008); a alta capacidade de resolución de atención primaria, xa que no 94,3 % dos pacientes non foron derivados ao hospital; e as menores esperas desde que hai rexistros, porque respecto a 2008 hoxe se agardan 20,7 días menos para unha cirurxía moi grave, 7,9 días menos con carácter xeral e 18,4 días menos para unha consulta.
Todos estes indicadores proban que Galicia é un territorio cunha Sanidade Pública mellor que en calquera outro momento, e tamén mellor que na maioría dos lugares do noso contorno. E os cidadáns, no barómetro sanitario máis recente, outorgan á Sanidade Pública a nota máis alta da serie histórica, e indican que os servizos que máis valoran son, xustamente, a atención primaria e as urxencias. Pola contra, noutras comunidades, esa cualificación foi decrecendo nos últimos anos.
A Sanidade pública, un dos maiores logros colectivos da Galicia autogobernada
Logo de advertir por parte dalgúns sectores unha premeditada descualificación global da Sanidade pública galega, o presidente da Xunta lamentou que tres dos catro grupos parlamentarios se ausentasen da comisión que eles mesmos pediron, “faltando ao respecto á Cámara galega e, por tanto, aos galegos”.
“Defender a Sanidade pública e recoñecer un dos maiores logros colectivos da Galicia autogobernada. Nel súmanse o esforzo contributivo dos cidadáns que a financian, a capacidade profesional dos sanitarios, a calidade da formación das escolas e centros universitarios, a capacidade dos xestores e tamén o compromiso de todos os gobernos que tivo a Xunta”, asegurou, distinguindo entre as críticas que pretenden mellorar o sistema e as críticas que pretenden destruílo, unicamente por razóns ideolóxicas ou partidarias.
Feijóo concluíu sentenciando que a Sanidade pública será sempre unha obra en permanente reforma e permanente mellora. “Nela teñen cabida todos os galegos e todas as críticas que busquen perfeccionar un sistema público que resiste todas as comparacións”, dixo, ao tempo que expresou o orgullo da Sanidade pública “que non se conforma, e que aspira a poder seguir avanzando para continuar sendo unha das mellores sanidades públicas do mundo”.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.