Agardando a coñecer o proxecto de lei de PGE para 2019


O Consello de Ministros do 28 de decembro entre outros acordos adoptou un establecendo os criterios de aplicación da prórroga para 2019 dos Orzamentos Xerais do Estado de 2018.

Unha medida que viña cumprir co previsto no artigo 134 da Constitución Española, onde se recolle que se non se aprobou unha nova Lei de Orzamentos o 1 de xaneiro, consideraranse automaticamente prorrogados os Orzamentos Xerais do exercicio anterior ata a aprobación doutras contas públicas.

O artigo 38 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, Xeral Orzamentaria, precisa que a prórroga non afectará os créditos para gastos correspondentes a actuacións que terminen no exercicio cuxos orzamentos se prorrogan e para obrigacións que se extingan no mesmo. Así mesmo, prevé que a estrutura orgánica do Orzamento prorrogado adáptese, sen alteración da contía total, á organización administrativa en vigor no exercicio en que o Orzamento deba executarse.

Desta forma, o Orzamento do Estado que se prorroga para 2019 ascende a 277.933 millóns de euros. E o Orzamento dos Organismos Autónomos ascende a 38.949 millóns de euros.

Hoxe coñecemos a intención do Goberno de Pedro Sánchez de aprobar no próximo Consello de Ministros do 11 de xaneiro o proxecto de lei de  PGE para 2019, para logo remitilo o día 15 ao Congreso dos Deputados a fin de que comece a tramitación parlamentaria.

E todo iso no marco dunha situación de debilidade, xa que o  presidente do Goberno conta neste momento coa negativa de dúas formacións políticas imprescindibles para sacalos adiante: ERC e  PdCat.

Pedro Sánchez, decidiu pactar estes orzamentos coa esquerda de Pablo Iglesias que lle esixiu aumentar o gasto público en 6.000 millóns de euros sen incluír as partidas de competencia autonómica e municipal.

Hoxe mesmo o presidente do PP, Pablo Casado, afirmaba que Sánchez “optou por unha liña ideolóxica radical no canto de por seguir coa senda a de crecemento e  creación de emprego”.

E lamentou que o tempo lle dese a razón, xa que como advertiu, os orzamentos do Goberno “non son bos para España” e así o consideraron despois  a Comisión Europea, o FMI e a OCDE que rexeitaron as contas españolas por “irreais e irresponsables”.

Por iso, instou o Goberno a “recapacitar “e presentar uns orzamentos “que baixen a débeda pública, os impostos e que cumpran a senda de déficit”, xa que “non estamos para facer concesións aos de Podemos” senón para “recuperar a senda de crecemento e de creación de emprego que as  contrarreformas que xa anunciaron, poñen en risco”.

Noutra orde Casado lembrou que na reunión que mantivo co presidente do Goberno no Palacio da Moncloa no mes de agosto, ofreceulle o apoio do PP aos Orzamentos se mantiña a senda do déficit,  baixaba os impostos e reducía a débeda pública.

“O problema é que Sánchez decidiu facer contas e preferiu seguir cos seus socios de moción de censura antes que acordar con partidos moderados unha folla de ruta para esta lexislatura”, afirmou.

Desde Galicia estamos tamén expectantes ante o citado proxecto de  PGE de 2019, para ver que trato investidor recibe. Recordo que nos pasados  PGE para 2018 – agora prorrogados – Galicia recibiu un salientable 9,3% do investimento total do Estado.

Veremos cal é agora o compromiso do Goberno socialista co nosa Comunidade Autónoma.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.