Sobre a reunión entre o presidente da Xunta e o ministro de Fomento

Onte tivo lugar en Santiago de Compostela unha importante reunión entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o ministro de Fomento José Luis Ábalos.
Finalizada a mesma, a Xunta daba a coñecer unha nota na que “Feijóo ratificaba despois de reunirse co ministro de Fomento, que as obras do tren de alta velocidade a Galicia estarán rematadas no último trimestre de 2019: un compromiso inequívoco adquirido tanto co anterior Goberno como co actual.
“A partir do 2019, cando se entreguen formalmente as obras finalizadas na súa totalidade, é necesario que a Axencia de Avaliación de Infraestruturas faga as auditorías que considere oportunas”, explicou Feijóo, quen agarda que as devanditas auditorías conclúan á menor brevidade posible.
Así mesmo, Feijóo amosou a súa satisfacción por que o ministro de Fomento confirmara o material rodante xa que “sen os trens AVRIL non serían posibles as conexións” e con eles “podemos ter conexións moi competitivas”.
En materia de portos e mercadorías, Feijóo saudou a confirmación de que este sexa prioritario para o Goberno central e que se atope ao mesmo nivel que o Corredor Mediterráneo. “Agradezo o compromiso de presentar este corredor nos próximos meses e de explicar a todos os axentes económicos e sociais de Galicia o proxecto que ten o Ministerio para o Corredor Atlántico, que está xa autorizado e priorizado pola Unión Europea”, subliñou o titular do Goberno galego.
En relación á transferencia da AP-9, Feijóo fixo fincapé en que esta autoestrada –que nace e morre en Galicia e que non entra en Portugal– é a arteria viaria máis importante para a nosa Comunidade desde o punto de vista económico, social e vertebrador. “Esa transferencia pódese facer”, recalcou ao respecto, amosando a súa satisfacción por que se vaia convocar unha comisión de seguimento na que se continúe avanzando, logo de que o ministro de Fomento anunciase que a próxima semana será convocada esta comisión para debater os detalles e as posibilidades de esta transferencia.
En relación á ampliación da Ponte de Rande, Feijóo solicitou ao ministro que se axilice tanto a supresión da peaxe como as medidas comprometidas para compensar aos veciños de Chapela, en Redondela, polas molestias causadas polas obras. Ao respecto, referiuse a medidas como a insonorización das súas vivendas e os sistemas antirruído.
Outras infraestruturas
En materia de estradas, Feijóo trasladoulle ao ministro de Fomento o interese de Galicia por finalizar a autovía entre Lugo e Santiago no ano 2021, Ano Xacobeo, ante a previsión dunha gran afluencia de peregrinos. “Por razóns de seguridade, parécenos que ese esforzo ben vale a pena”, engadiu o presidente.
Logo de confirmar a finalización do tramo San Martiño-A Barrela da autovía Lugo-Ourense, o presidente da Xunta incidiu na necesidade de priorizar a circunvalación norte de Ourense, así como o tramo Cambeo-Ourense.
Sobre a autovía Vigo-O Porriño, Feijóo valorou que esta siga entre as prioridades do Ministerio de Fomento, que ten a intención de financiala con cargo aos orzamentos do Estado.
Así mesmo, Feijóo e Ábalos tamén se referiron a outras obras durante a xuntanza, como a Avenida de Alfonso Molina e o Vial 18, na Coruña; a Avenida de Buenos Aires, en Vigo; ou o Enlace Orbital, en Santiago. Todas elas, concretou, serán analizados na Comisión Mixta convocada formalmente polo ministro para as próximas semanas.
Co obxectivo de ter realmente un Eixo Atlántico completo e unha relación directa con Portugal, Feijóo inicidiu na necesidade de facer en Vigo unha estación pasante á saída sur ferroviaria da cidade. “É unha das prioridades da alta velocidade que ten Galicia neste momento e unha oportunidade para converter a Vigo na capital da Eurorrexión”, aseverou.

Pola súa banda o Ministerio de Fomento difundiu onte unha nota de prensa que dicía
O ministro de Fomento, José Luis Ábalos, anunciou que, coa chegada do AVE a Galicia, acurtaranse os tempos de viaxe desde Madrid ás principais cidades galegas nunha hora, en 2019, e en dúas horas en 2020, con respecto á situación actual (Ver mapas en documento anexo).

Para asegurar esta redución de tempos, destinaranse a Galicia os primeiros trens de Alta Velocidade de rodaxe  desplazable que circularán a 300 km/hora.
Ábalos  trasladou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o apoio do Goberno de España a Galicia, un de cuxos expoñentes, ademais do compromiso coa chegada do AVE, será a potenciación do Corredor Atlántico. “As administracións, pero tamén todo o tecido social e especialmente o económico, forman parte deste proxecto que, sen dúbida, vai representar claramente un proxecto de cohesión social e territorial para Galicia, Asturias e León”, afirmou o ministro.
Ábalos explicou que o Ministerio ten preparado o Plan Director do Corredor Atlántico que inclúe medidas de adecuación e mellora do corredor para todo tipo de mercadorías na zona noroeste, no que se definen todas e cada unha das actuacións no conxunto das 19 liñas existentes. “Este proxecto vai dar unha alta capacidade competitiva e de cohesión social e territorial e, partir de agora, ábrensenos todas as posibilidades para financialo”, aseverou.
“Quedamos co Presidente da Xunta –indicou o ministro– en que imos facer unha presentación do Plan para que nos sirva de relanzamento e poñer en valor o corredor incorporando toda  a parte noroeste”. Por iso, sinalou que “o Corredor Atlántico ten tanta importancia como o Mediterráneo”.
O responsable do Departamento reafirmou o seu compromiso, “en nome do Goberno de España” coas infraestruturas de Galicia e “ratificou todos os compromisos do anterior Goberno”. Como exemplo, puxo o acento en que “nestes tres primeiros meses de Goberno puxéronse en marcha 6 actuacións directamente relacionadas coa seguridade viaria por valor de 24 millóns de euros e deuse un gran impulso á contratación pública de Fomento en Galicia” (un 83% de incremento respecto ao período anterior).
Autoestrada AP-9
Respecto da autoestrada AP-9, o ministro expresou que “nós facilitamos o debate sobre esta infraestrutura no Congreso dos Deputados e, en todo caso, imos facer unha auditoría e diagnóstico da situación, polo que a próxima semana –anunciou– o secretario de Estado convocará á Comisión de Seguimento da AP-9 para proceder ao debate sobre os detalles e as posibilidades existentes”.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.