Os orzamentos da Xunta para 2019 prevén un investimento en Ourense para infraestruturas e mobilidade de máis de 51 millóns de euros


Onte a Consellería de Infraestruturas e Vivenda difundía unha nota na que daba conta que investirá 51 millóns de euros na provincia de Ourense no ano 2019, segundo recolle o proxecto de Lei de Orzamentos remitido ao Parlamento.

Desa forma, o investimento per capita previsto polo departamento de Infraestruturas da Xunta en Ourense será de 163,39 euros por habitante.

Este orzamento permitirá seguir impulsando as comunicacións e a seguridade viaria na provincia de Ourense, onde o presuposto da Axencia Galega de Infraestruturas ronda os 42 millóns de euros previstos para o ano 2019.

O principal investimento recollido nos Orzamentos son os case 7,9 millóns previstos para avanzar nas obras en marcha da conexión co polígono industrial de San Cibrao das Viñas no treito da A-52 e N 525. Trátase cuantitativamente dunha das partidas máis importantes, que permitirá continuar avanzando na execución destas obras de cara a súa finalización e posta en servizo no ano 2020.

Conta tamén con partida específica de 0,5 millóns de euros a segunda fase da posta en valor da Ponte Vella da cidade de Ourense, e os Orzamentos consignan tamén máis de 350.000 euros para a segunda fase da mellora da seguridade viaria na capital da provincia, na estrada OU-105, en Seixalbo.

A Dirección Xeral de Mobilidade destina o seu orzamento na provincia a dar un impulso ás obras da estación intermodal da cidade de Ourense, con case 6,5 millóns de euros que permiten seguir avanzando na construción da terminal de autobuses integrada na estación intermodal e que inclúe a achega para a execución do aparcamento da intermodal por parte de Adif.

Por último, sinalar que o departamento de Infraestruturas da Xunta, a través de Augas de Galicia, destina ademais máis de 2 millóns de euros á provincia nos Orzamentos do 2019, destacando a partida de 0,35 millóns de euros para a mellora do abastecemento no Concello de Lobios.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.