Coñecendo a nova escola infantil, da “Galiña Azul" do centro interxeracional de Ourense

Logo de regresar de Santiago de Compostela, participo en Ourense na xornada de portas abertas que hoxe tivo lugar, para coñecer in situ, e co persoal do centro, as flamantes instalacións da nova escola infantil, da “Galiña Azul" do centro interxeracional de Ourense.

Unha magnífica instalación que será xestionada pola administración autonómica a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e que oferta para este curso un total de 82 prazas (6 unidades) e botará andar con 52 nenos, aos que se sumarán outros 7 pequenos a partir do mes de outubro froito do período extraordinario de matriculación de setembro, co que o número de nenos que asistirán a este centro dende o mes que ven ascenderá a 59.
A grande novidade deste novo centro é o seu carácter interxeracional, xa que na súa parte destinada aos maiores dispón dun centro de día con capacidade para 80 persoas, cuxa entrada en servizo está prevista para antes do remate do presente ano. Así pois, nestas instalacións se desenvolverán proxectos compartidos e fomentarase o intercambio de experiencias e transmisión de tradicións entre maiores e nenos -algo que se considera moi positivo e enriquecedor-, actividades que serán sempre planificadas e supervisadas polos equipos técnicos que traballarán no centro.


A escola infantil do novo centro interxeracional de Ourense, situada na ourensá rúa Ramón Abellas, incrementa a oferta que xa ofrecía a rede "A Galiña Azul" na capital das burgas. Ate o de agora contaba con 5 centros (Colón e Barrocás, dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; e Antela, A Farixa e Virxe de Covadonga, da Axencia Galega de Servizos Sociais), que ofrecían para o presente curso un total de 428 prazas, agora aumentará ata as 510.

A partir do próximo mes de outubro, este novo servizo para favorecer a conciliación laboral e familiar dos pais e nais de nenos de idades comprendidas entre os 0 e 3 anos, disporá ademais de servizo de comedor para todos aqueles que o precisen.

A escola infantil do centro interxeracional de Ourense é un dos cinco centros escolares de nova creación que a administración autonómica pon en funcionamento para este curso 2018-2019, xunto cos de Lugo e Santiago-O Castileiriño, tamén construídos e equipados pola FAO, e os de A Estrada e Mos, executados pola Xunta a través do Consorcio. Eses cinco novos centros incrementarán a oferta da rede "A Galiña Azul" en 402 prazas, permitindo que esta pase das 9811 prazas ofertadas no curso 2017-2018 ás 10.289 do presente curso.
Nesta visita puiden falar co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez Muíños, que estaba acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad e polas concelleiras Sofía Godoy e Belén Iglesias.
Quedo gratamente impresionado con esta escola infantil e co conxunto do centro interxeracional de Ourense, construído e equipado pola Fundación Amancio Ortega, en virtude do convenio asinado o 1 de marzo de 2016 entre esa entidade, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense. 
Parabéns a todos eles.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.