Avances nas obras da LAV a Galicia en Mombuey e Rionegro del Puente


Viaxo no meu coche, moi á primeira hora de hoxe desde Ourense a Madrid, e vendo desde a estrada as obras da Liña de Alta Velocidade a Galicia, decido parar uns minutos para coñecelas máis de cerca.

Saio da autovía A-52 en  Mombuey e nas proximidades desta localidade vexo o adiantado estado das obras. O vixiante indícame que as vías foron montadas sobre as travesas hai dúas semanas, os postes están xa colocados e o perímetro xa está valado.

Volvo logo á autovía e avanzo uns quilómetros e ao chegar a Rionegro del Puente a  abandono e avanzo uns metros pola estrada  N-631 e chego ás obras. Vexo as vías na mesma situación que en  Mombuey, e achégome despois a unhas enormes  chairas nas que se amorean cantidades inxentes de  balasto.

Tren cargando balasto en Rionegro del Puente



E vexo a maquinaria pesada, que está a trasladar o  balasto aos enormes vagóns dun tren alí estacionado. 

Material que irá destinado a outros puntos da liña nos que se está procedendo á montaxe da vía.


O subtramo Otero de Bodas- Cernadilla afecta os termos municipais de Otero de Bodas, Rionegro del Puente,  Mombuey e  Cernadilla.

As obras que se executan supoñen a construción de 30,3 quilómetros de nova plataforma ferroviaria, incluíndo a execución de 4 viadutos, 2 falsos túneles, 12 pasos superiores e 10 inferiores.

Vías en Mombuey
Como elementos singulares, destacan o Posto de Adiantamento e Estacionamento de Trens de  Mombuey e o viaduto do río  Tera, de 700 metros de lonxitude. Nos dous proxectos, a plataforma para executar consta de 14 metros de ancho, apta para vía dobre e o trazado deseñouse para velocidades superiores a 300 quilómetros por hora.

Realmente lévome unha impresión moi satisfactoria de como avanzan estas obras e creo que  Adif Alta Velocidade vai ser capaz de alcanzar o obxectivo de chegar a final deste  ano coas obras finalizadas ata  Pedralba de la  Pradería.

Achego este vídeo e estas fotografías feitas co meu teléfono móvil.




Mombuey
Rionegro del Puente


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.




Con la tecnología de Blogger.