Onte o presidente Alberto Núñez Feijóo amosoaba, tras unha reunión coa comisaria de Política Rexional, o seu optimismo por que Galicia manteña os recursos dos fondos de cohesión -axudas destinadas a financiar infraestruturas de transporte, proxectos de educación, saúde e ambiente- nas contías actuais, a pesar da previsión de baixada do total dos fondos dun 7%. “Transmitiunos tranquilidade e é a mellor noticia que poderíamos recibir”, aseverou o presidente da Xunta.
Logo de destacar a importancia de que Galicia fose escoitada pola comisaria Corina Cretu e de garantir que a Comunidade galega seguirá trallando neste sentido, Feijóo defendeu tamén na xuntanza o mantemento no orzamento comunitario, para o próximo período 2021-2017, do Fondo Social Europeo como un fondo de política rexional, que conserve a súa dimensión territorial actual e se xestione desde as comunidades.
“E esperamos, ademais, que os fondos transfronteirizos continúen”, engadiu, recordando que os proxectos de cooperación territorial desenvolvidos, fundamentalmente, co norte de Portugal desembocaron en amplos beneficios en áreas como a seguridade, o transporte, a educación, a enerxía, a sanidade ou o emprego.
En relación ao problema demográfico, o presidente da Xunta trasladou á comisaria a necesidade de que o orzamento comunitario preste especial atención ás rexións envellecidas, “de que sexa un criterio para o reparto dos fondos”, dixo. E, nesta liña, destacou a receptividade de Corina Cretu, coñecedora de que este problema afecta a moitas rexións europeas.
Ao longo do encontro, Feijóo agradeceu as felicitacións da comisaria polo nivel e a eficacia de execución de fondos por parte da Comunidade e polo cumprimento dos regulamentos comunitarios e das normas que os rexen. “Galicia é unha comunidade que está cumprindo e é unha comunidade europeísta, que cree nas políticas europeas, nas institucións e nos mecanismos de vertebración e cohesión europeos”, abundou.
Neste liña, Feijóo salientou que a política rexional é necesaria e útil para Galicia e expuxo a disposición da Comunidade para ser participativos no debate do novo marco orzamentario, incidindo na necesidade de que aquelas rexións que, como Galicia, foron obxectivo converxencia entre 2007 e 2013, e que no orzamento vixente pasan a ser rexións de transición poidan dispor do mesmo status a partir do 2021, de xeito que conserven o mesmo nivel de recursos que na actualidade. “A nós o que nos interesa non é so o tratamento cualitativo, senón tamén o tratamento cuantitativo; e cos datos que temos neste momento ímonos coa convicción de que Galicia manterá os fondos de cohesión cos que viña contando no anterior marco orzamentario”, explicou.
O responsable do Goberno galego valorou a acollida das propostas por parte da comisaria, quen se comprometeu a visitar a Comunidade e coñecer de primeira o desenvolvemento das políticas de cohesión no que se refire ao crecemento económico e ao equilibrio territorial de Galicia.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.