O Pleno do Congreso aprobou esta tarde o articulado e cada unha das seccións do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, coa incorporación ao ditame de emendas acordadas por varios grupos, que inclúen, entre outras partidas, o incremento ata 200 millóns de euros da dotación económica do pacto contra a violencia de xénero; a redución do IVE para servizos de asistencia para persoas en situación de dependencia; e achegas para un fondo de bolsas para orfos de vítimas de violencia de xénero; emprego público; permisos de paternidade; investigación de perfís xenéticos nos casos de bebés roubados; e investimentos para Canarias nas partidas de varios ministerios.
Tres días de debate, tres bloques de votacións
O debate comezou cos títulos do I ao VIII, da aprobación dos orzamentos e as súas modificacións, a xestión orzamentaria, os gastos de persoal, as pensións públicas, as operacións financeiras, os entes territoriais e as cotizacións sociais; así como as seccións 06 (débeda pública) e 07 (clases pasivas). Na votación, que se realizou a última hora do martes, quedaron aprobados coa incorporación dalgunhas emendas transaccionais.
No título III aprobouse unha emenda acordada sobre a base dunha proposta do Grupo Socialista relativa á taxa de reposición de emprego público; e no VI outra acordada sobre o texto dunha emenda do PdeCat para reducir o IVE dos servizos de teleasistencia e axuda a domicilio para persoas en situación de dependencia.
Na primeira xornada do Pleno víronse tamén conxuntamente as Disposicións Adicionais, Transitorias, Derogatorias e Finais e Anexos, que se aprobaron hoxe con varias emendas transaccionais, tres sobre propostas de Unidos Podemos- EC- EM, sobre aumento do persoal de docentes en Melilla, permisos de paternidade e medidas incluídas no Pacto contra a Violencia de Xénero; outra exposta polo Grupo Socialista sobre un fondo de bolsas para orfos de vítimas de violencia de xénero; e unha acordada polos grupos Socialista, UP- EC- EM, ERC e Mixto sobre tributación das instalacións de comunidades enerxéticas.
Tamén se aprobou a emenda acordada por todos os grupos sobre unha proposta do Grupo Socialista, para incrementar ata 200 millóns de euros a partida destinada ao Pacto contra a Violencia de Xénero, coa achega de 20 millóns para concellos e 100 para comunidades autónomas, a sumar aos 80 previstos inicialmente no Proxecto.
O martes votáronse tamén as seccións debatidas nesa mañá. O Orzamento de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital foi aprobado con emendas acordadas polo Grupo Popular e Nova Canarias relativas a investimentos en turismo, instalacións e proxectos de eficiencia enerxética, adquisición de vehículos eléctricos para varios concellos canarios e extensión da banda ancha nas illas.
O Orzamento de Facenda e Función Pública saíu adiante sen emendas; igual que a partida para sistemas de Financiamento de Entes Territoriais. O ditame da sección correspondente ao Ministerio de Defensa quedou tamén aprobado tal e como saíu da Comisión de Orzamentos; e na de Fomento incorporáronse emendas pactadas con Nova Canarias sobre proxectos urbanísticos e de estradas.
Tamén o martes debatéronse as seccións 1 a 5 e 8 a 10, que conteñen o Orzamento da Casa Real, Cortes Xerais, Tribunal de Contas, Tribunal Constitucional, Consello de Estado, Consello Xeral do Poder Xudicial, mutualismo administrativo e contratación centralizada. Todas elas quedaron aprobadas sen emendas no primeiro bloque de votacións do mércores. A continuación, celebrouse o debate sobre as sociedades mercantís estatais, entidades públicas empresariais, fundacións e outros organismos públicos; e o anexo de investimentos reais, tamén aprobadas o mércores.
Na sección do Ministerio de Presidencia e para as Administracións Territoriais incorporáronse emendas para investimentos en instalacións municipais en varias localidades canarias e un plan de accesibilidade en Forteventura; no de Emprego e Seguridade Social, plans integrais de emprego en concellos canarios; en Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, dotacións para o programa de loita contra a pobreza; e en Asuntos Exteriores e Relacións Financeiras coa UE, unha transferencia para cooperación humanitaria do Cabildo de Gran Canaria. Todas elas foron pactadas polo Grupo Popular e Nova Canarias.
O debate continuou con Xustiza; Educación, Cultura e Deporte; e tras as votacións de mediodía, con Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente; Economía, Industria e Competitividade; e concluíu co preámbulo. Tanto estas últimas seccións de ministerios como o estado de ingresos e o preámbulo dos Orzamentos quedaron aprobadas no último bloque de votacións.
Na sección de Xustiza sumouse unha emenda proposta por Compromiso e acordada co resto dos grupos para a dotación económica da plataforma tecnolóxica de investigación de perfís xenéticos para os afectados polos casos de bebés roubados; e outra impulsada polo Grupo Socialista para a modernización do servizo público de xustiza. Tamén se aprobou nas partidas de Educación Cultura e Deporte varias emendas acordadas con Nova Canarias sobre investimentos en proxectos culturais, de accesibilidade do centro histórico, para o festival de cinema das Palmas, entre outros. No Orzamento de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente tamén se engadiron acordos con esta formación política para a rede de augas, abastecemento e saneamento e varias actuacións na costa.
Aprobado o articulado e as seccións, ao Senado
O debate e votación dos Orzamentos en Pleno realizouse, de acordo co Regulamento do Congreso, diferenciando o conxunto do articulado da lei e cada unha das seccións, que para continuar a súa tramitación no Senado debían ser aprobados por maioría simple, con máis votos a favor que en contra.
Unha vez aprobado o articulado e as seccións, remítese o proxecto á Cámara Alta para iniciar unha tramitación análoga á do Congreso, na que se presentan emendas ao articulado e as seccións que se debaten en relatorio e vótanse, posteriormente, en comisión e no Pleno do Senado.
Se o Senado non inclúe ningunha emenda nin veta ao proxecto, os Orzamentos quedarán aprobados, pero no caso de que haxa modificacións ou vetos terá que volver ao Congreso para que nunha nova sesión plenaria decida se revoga os cambios ou os mantén, ou no seu caso se levanta o veto.
Moi satisfeitos con este resultado que é consecuencia do gran traballo do equipo popular que preside Mariano Rajoy, co ministro de Facenda e administracións Públicas, Cristobal Motoro e todo o Grupo Parlamentario Popular, destacando o traballo do noso portavoz de orzamentos, o lucense Jaime de Olano.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.