Rajoy: " Aspiramos a manter a creación de emprego para aumentar a recadación das administracións públicas e poder construír máis infraestruturas"


Asisto esta mañá na Ermida, Pontevedra ao acto de visita das obras da A-57, no tramo Vilaboa- Ermida. Un acto protagonizado polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e no que estivo presente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna.
Tras a explicación das características do citado tramo desta autovía por parte do Xefe da Demarcación de Estradas do Estado de Galicia, Ángel González del Río e a proxección dun vídeo, comezaron as intervencións.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a ampliación da autoestrada do Atlántico en Rande e Santiago, a Autovía do Morrazo e a circunvalación de Pontevedra son, todas elas, infraestruturas que confirman a vontade incuestionable de que a recuperación económica atope na Galicia atlántica o impulso que precisa para consolidarse e expandirse.
Feijóo lembrou que durante a recesión económica o Goberno central lanzou a aposta por corrixir as históricas deficiencias da Comunidade en materia de infraestruturas, referíndose a modo de exemplo: á ampliación da AP-9 en Vigo e Santiago, coa bonificación da viaxe a Pontevedra e a próxima eliminación da peaxe a Redondela; á activación da autovía entre Lugo e Santiago; ao Eixe Atlántico ferroviario; á defensa da incorporación dos portos ao corredor atlántico de mercadorías; ou ao compromiso da finalización en 2019 do AVE.
Logo, Feijóo trasladou o convencemento de que os Orzamentos Xerais do Estado de 2018, ademais de ser unhas contas de gran valor para o preto de medio millón de pensionistas galegos que se beneficiarán do anunciado incremento de retribucións, darán un novo impulso á dinamización da economía e do emprego a través de novos investimentos. “Cremos que é o momento de seguir apostando polas obras públicas estratéxicas, como ferramentas para a expansión económica”, aseverou.
Se ben nos últimos anos a nosa é unha das dúas comunidades con maior investimento per cápita de España, “e aínda que algúns poidan considerar que non é prioritario a inclusión de Galicia no Plan extraordinario de investimentos estatais”, o titular da Xunta expresou a seguridade de que a Autonomía estará incluída nel.
Pechou o acto o presidente Mariano Rajoy que sobre os PGE de 2018 dixo que "as partidas de pensións, sanidade e educación" constitúen "máis do 50% de todo o gasto público conxunto de todas as administracións españolas". Segundo explicou , "todo ese gasto" importa porque "os destinatarios" son "as persoas" e porque afecta, "e moito", ás súas vidas.
Infraestruturas e crecemento económico
Con todo, afirmou que "tamén son importantes as infraestruturas" porque, non só inciden en "a vida das persoas", senón que ademais axudan "á competitividade da economía". Segundo subliñou, "cando crecemos e creamos emprego, a recadación das administracións mellora e loxicamente iso serve para que podamos dedicar máis recursos á sanidade, á educación ou aos grandes servizos públicos fundamentais".
Neste punto, lembrou o plan que se presentou hai uns días en Teruel, que levará "a fibra óptica ao cento por cento dos municipios españois" e que permitirá "competir en igualdade de condicións" ás zonas rurais onde a poboación está moi diseminada.
Tras lembrar que o ministro de Facenda presentará oficialmente mañá nas Cortes os Orzamentos Xerais do Estado para 2018, Mariano Rajoy resaltou que tanto "a evolución dos acontecementos" como "as previsións dos demais" permitiron subir ao 2,7% a previsión de crecemento económico para este ano. Así mesmo, Rajoy anunciou que, "se facemos as cousas ben, podemos romper o noso propio prognóstico" e "chegar a un crecemento maior".
En opinión do presidente do Goberno, España tamén pode superar a previsión de creación de emprego en 2018, fixada en 475.000 persoas máis traballando a finais de ano. Iso foi o que ocorreu nos tres exercicios anteriores, nos que "a sociedade foi capaz de crear máis de 500.000" novos empregos.
Subida das pensións e axustes no IRPF
Mariano Rajoy argumentou que a mellora da economía permitiu "facer algunhas cousas que non se puideron facer nos momentos de maior dificultade". Así, "puidemos subir o salario mínimo tras un acordo cos sindicatos": o 4% en 2018, o 5% en 2019 e o 10% en 2020.
En canto ás pensións, o presidente destacou que as mínimas subirán este ano o 3%. Lembrou tamén que mellorarán as pensións de viuvez e que se aprobarán "algúns axustes no IRPF para que as persoas que reciban unha pensión entre 12.000 e 18.000 euros ao ano paguen algo menos".
Política económica seria
Rajoy anunciou que "os próximos anos poden ser bos" se en España somos "capaces de facer unha política económica seria" e de seguir crecendo e creando emprego. Nestes momentos temos "unha gran oportunidade" de superar a crise porque "tamén están a crecer outros países da nosa contorna" e porque "o sector exportador está a ser moi dinámico".
O presidente afirmou que España pode "aspirar" a alcanzar o "círculo virtuoso" de manter a creación de emprego para aumentar a recadación das administracións públicas e poder "construír máis infraestruturas" para que "a economía á súa vez xere crecemento".
Plan Extraordinario de Investimentos en Estradas
O xefe do Executivo sinalou que as obras na A-57 constitúen unha nov actuación, a cuarta, do Plan Extraordinario de Investimentos en Estradas ( PIC). Iniciativas similares xa se puxeron en marcha en Murcia, Castelló e Alacante.
Rajoy indicou que as actuacións contempladas no PIC supoñen "un investimento no conxunto do Estado de 5.000 millóns de euros, para actualizar e mellorar preto de 2.000 quilómetros de carretas entre 2017 e 2021". Así mesmo, o xefe do Executivo explicou que "esta cuarta actuación do PIC na Autovía das Rías Baixas (A-52) dará continuidade ao itinerario Benavente-Porriño e culminará en Vigo, cun orzamento total estimado de 337 millóns de euros". Segundo dixo, "a idea é construír unha infraestrutura alternativa á A-55".
Infraestruturas en Galicia
Mariano Rajoy destacou o "bo número de investimentos que o Goberno emprendeu nos últimos meses nas estradas galegas", uns "investimentos produtivos que están a ter un excelente impacto sociais e económico". Respecto diso, lembrou, entre outras, a remodelación da Ligazón de Sigueiro, a nova Ligazón da Cidade da Cultura, a ampliación da Ponte de Rande ou a ampliación da capacidade da Circunvalación de Santiago.
Con respecto á A-57, o presidente Rajoy asegurou que "a futura Circunvalación de Pontevedra está chamada a converterse nunha alternativa de gran capacidade e libre de peaxe á Nacional 550", ademais de contribuír "a dinamizar a actividade económica de toda a zona,conectando emprazamentos industriais, comerciais e empresariais".
O AVE a Galicia
Mariano Rajoy tamén se referiu á chegada da alta velocidade a Galicia. Respecto diso, subliñou que xa se executaron " actuacións por máis de 3.400 millóns de euros, sobre un orzamento total de 4.400". É dicir, engadiu,"máis do 77% da Liña de Alta Velocidade é xa unha realidade". Segundo apuntou, o "firme" compromiso é "finalizar as obras do Corredor o ano que vén". Antes, en 2018, terminarase o tramo entre Zamora e Pedralba, engadiu.
Máis actuacións
O presidente do Goberno destacou, ademais, o acordo entre Portos do Estado e ADIF para "financiar ao 50% oacceso ferroviario ao Porto exterior da Coruña, en Punta Langosteira". O investimento previsto é de 140 millóns de euros. Así mesmo, Rajoy lembrou que mañá se inaugurará en Vigo a nova depuradora, "grazas a unha actuación conxunta entre o Goberno de España e a Xunta de Galicia". Tras sinalar que "se trata dun investimento de máis de 200 millóns de euros", afirmou que ese proxecto "mostra a capacidade de colaboración" entre as administracións.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.

Con la tecnología de Blogger.