domingo, 31 de diciembre de 2017

En Rande unha obra complexa de enxeñería, a primeira ponte atirantada do mundo que é ampliada

Como dicía na anterior entrada, onte tiven a oportunidade de participar no acto de apertura ao tráfico da ampliación da Autoestrada da Atlántico AP-9, no tramo O Morrazo - Teis, incluíndo a ampliación de capacidade da Ponte de Rande.

Alí tiven oportunidade de falar ademáis de con políticos, con empresarios, enxeñeiros e profesionais que interviñeron na obra.

Un deles foi Álvaro Serrano Corral enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, coautor do proxecto de ampliación da Ponte.

Explicoume que se trataba de actuar nun tramo de 5,9 quilómetros a Autoestrada da Atlántico AP-9, entre O Morrazo - Teis, incluíndo a ampliación da Ponte de Rande.

Na actualidade, a intensidade media diaria de vehículos que circulan por este tramo sitúase en máis de 56.000 vehículos/día de valor medio, con puntas estivais nas que se superan os 68.000 vehículos/día. Existen ademais incrementos significativos de tráfico en horas punta.

Con Álvaro Serrano
Coas obras de ampliación de capacidade da Autoestrada da Atlántico AP-9, tramo O Morrazo - Teis executouse un carril adicional por sentido en todo o tramo, incluíndo a ponte de Rande, co obxecto de ampliar a súa capacidade, elevando o nivel de servizo e mellorando a comodidade e seguridade do tramo, especialmente na ponte.

O investimento total (obras, expropiacións e asistencias técnicas de control e vixilancia e redacción de proxecto) ascende a 191,6 millóns de euros, sendo o orzamento das obras de 167,2 millóns de euros. Dese orzamento total de obras, a ampliación da ponte de Rande supón un orzamento de 105,5 millóns de euros.

Características técnicas

O tramo de actuación entre O Morrazo e Teis, de 5,9 km de lonxitude, que inclúe a ampliación da ponte de Rande, discorre a través dos municipios de Vilaboa, Moaña e Redondela. A ampliación da ponte de Rande, ponte atirantado de 401 metros de luz no seu van principal, é o fito máis relevante da obra, xa que permitiu dispoñer un terceiro carril adicional por sentido de circulación á autoestrada AP-9 entre as ligazóns do Morrazo ( PK 145+180) e Teis ( PK 151+100), cunha obra de enxeñería extremadamente complexa (trátase da primeira ponte atirantada do mundo que é ampliada), mantendo en todo momento o tráfico da ponte, prácticamente sen afeccións reseñables, grazas ao singular proceso construtivo levado a cabo.

Desta forma, a sección da autoestrada entre ambas as ligazóns pasa de 2 carrís por sentido de circulación a 3 carrís por sentido de circulación. A capacidade actual elévase, ao incrementarse a intensidade máxima de tráfico que soporta a ponte cun nivel de servizo adecuado, pasando de 4.500 a 6400 vehículos/hora (un aumento do 42%), mellorando así o nivel de servizo e as condicións de seguridade e comodidade en todo o tramo.

A ampliación na ponte consistiu en encostar terceiros carrís adxacentes ao exterior da plataforma actual, separados 6,75 metros respecto da actual plataforma. A base dos carrís ampliados é unha estrutura formada por un caixón e unha celosía exterior metálicos e unha laxa superior de formigón armado.

Esta estrutura uniuse ao taboleiro actual mediante celosías interiores metálicas espaciadas entre si aproximadamente cada 10 metros en sentido lonxitudinal. No caixón metálico ancoráronse os extremos dos novos tirantes que á súa vez quedaron fixados no seu outro extremo nas cabezas das pilas actuais.
Na propia estrutura da ponte dispuxéronse tres zonas de conexión entre os carrís da ampliación e a plataforma actual que permitirán, en caso de incidencia, efectuar desvíos de tráfico.


As miñas felicitacións aos enxeñeiros proyectistas, á directora de obra Ana Fernández, ás empresas construtoras UTE Puentes-Dragados, e de supervisión e control, en xeral a todos os que traballaron nesta obra, sen ningunha dúbida una das máis relevantes da enxeñería mundial en pontes atirantados. E que prestixía a enxeñería espàñola e a galega que aportou bos profesionais a esta obra