domingo, 26 de noviembre de 2017

Sobre o vindeiro Pleno do Congreso

O Pleno do Congreso dos Deputados debaterá o martes 28, a partir das 15,00 horas, a toma en consideración de dúas proposicións de lei, do Grupo Confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea relativa á regulación das prácticas académicas universitarias externas, e do Grupo Socialista de reforma da Lei para a rectificación rexistral da mención relativa ao sexo e nome das persoa.

A iniciativa lexislativa sobre regulación das prácticas académicas universitarias externas establece unha cota de alumnos por número de traballadores na entidade colaboradora, a creación dun estatuto do estudante en prácticas, así como un límite de 500 horas ou un dez por cento dos créditos ECTS da titulación. Ademais, prevé evitar que os universitarios substitúan ao persoal laboral nas súas tarefas, entre outras propostas.

O grupo proponente argumenta que "o uso en fraude das prácticas" e a súa laxa regulación crearon unha barreira de entrada ao mercado laboral en condicións dignas para este colectivo. Ademais, aseguran que a falta de control fai imposible coñecer o número real de bolseiros nesta situación.

A continuación, o Pleno debaterá a proposta de reforma da Lei para a rectificación rexistral da mención relativa ao sexo e nome das persoas. Con esta iniciativa, o Grupo Socialista pretende que calquera cidadán maior de 16 anos e coas capacidades legais suficientes poida solicitar o cambio de rexistro de sexo e nome na súa documentación.

Os menores de idade tamén poderán realizar a petición a instancias dos seus proxenitores, e no caso de que estes se neguen, a través do Ministerio Fiscal. Para a solicitude, o único requisito necesario será a declaración expresa do interesado, sen necesidade de cirurxías ou tratamentos hormonais.

Posteriormente, o Pleno abordará dúas proposicións non de Lei.

A primeira delas, do Grupo Popular, busca o apoio do Goberno ao Centro Nacional de Supercomputación de Barcelona e a Rede Española de Supercomputación.

A segunda, de Unidos Podemos, versa sobre a tarificación da enerxía e a necesidade de acometer unha reforma do mercado eléctrico.

Seguidamente, o Pleno verá tres mocións consecuencia de interpelación urxente: sobre a crise democrática do funcionamento da Xustiza en España, do Partit Demòcrata; sobre as previsións do Goberno en relación coa modificación da Regra de Gasto aplicable ás Entidades Locais, do Grupo Socialista; e sobre as carencias de medidas por parte do Goberno que garantan un acceso efectivo á Cultura, de Unidos Podemos.

Na xornada do mércores 29, o Pleno renovarase ás 9.00 horas coa sesión de control ao Goberno, na que o presidente e os ministros responderán as preguntas e ás interpelacións urxentes dos grupos parlamentarios.

Durante a sesión plenaria do xoves, debaterase e votará a convalidación de dous Reais Decretos-Leis: sobre disposicións de seguridade na investigación e explotación de hidrocarburos no medio mariño e sobre a directiva comunitaria ao ordenamento xurídico español sobre medidas sanitarias fronte ao tabaquismo, a súa venda, consumo e publicidade.

O primeiro deles recolle requisitos de seguridade adicionais ás explotacións de hidrocarburos no mar e a esixencia da aplicación de mellores prácticas. Ademais, contempla a creación da Autoridade Competente para a Seguridade nas Operacións Mariñas nesta materia, que supervisará esta actividade para garantir a máxima seguridade.

O segundo inclúe as limitacións á venda a distancia dos dispositivos que liberan nicotina, como os cigarros electrónicos e os seus envases de recarga, e equipara a publicidade, a promoción e o patrocinio destes aparellos ás dos produtos do tabaco.


Por último, debaterase e votará a creación dunha Comisión de Seguimento e Avaliación dos acordos do Pacto de Estado en Violencia de Xénero, proposta polos grupos Socialista, Unidos Podemos, Cidadáns, Esquerra Republicana, Vasco e Mixto.