martes, 21 de noviembre de 2017

O Ministerio de Fomento adxudica obras de recuperación e restauración no Mosteiro de Santa María de Melón

Informa hoxe o Ministerio de Fomento que adxudicou as obras de recuperación e restauración da Panda Norte e Sur do Claustro do Mosteiro de Santa María de Melón, na provincia de Ourense, por un importe de 1.505.264,20 euros, para a súa futura utilización como hospedería.

As obras iniciaranse no mes de decembro e prevese un prazo de execución de 30 meses.

As actuacións financiaraas integramente o Ministerio de Fomento dentro do Programa de Rehabilitación Arquitectónica da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Chan.

Santa María de Melón é un mosteiro cisterciense fundado no século XII e ocupado pola orde ata a desamortización de Mendizábal Do edificio románico só se conserva o cruceiro e un das ábsidas, sendo o resto de estilo gótico. O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural con categoría de Monumento Histórico-Artístico en 1931.


O proxecto enmárcase no Plan Director do Monumento, encargado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, que propón a súa rehabilitación como hospedería. Así, nesta primeira fase, abórdase a rehabilitación en planta baixa, alta e cuberta das ás Norte e Oeste do Claustro; da porta exterior de acceso ao atrio do Mosteiro; e a recuperación e restauración do pavimento do citado Claustro.


Esta nova actuación demostra o compromiso do Goberno de protexer e salvagardar o Patrimonio Cultural Español. Ademais, o Ministerio de Fomento colaborou xa anteriormente na recuperación do mosteiro a través do Programa do 1% Cultural. En 2008 asinou un convenio coa Xunta de Galicia para eliminar na igrexa os danos causados pola choiva e a capilaridade en cubertas e muros. Nesta ocasión, o Ministerio financiou a obra nun 60% cun investimento de 946.227,73 euros.

Programa de Rehabilitación Arquitectónica e 1,5% Cultural

A mencionada actuación realízase no marco do Programa de Rehabilitación do Patrimonio Arquitectónico, que consiste no financiamento de obras relevantes de rehabilitación do patrimonio arquitectónico español e dotación de equipamentos públicos cos orzamentos propios do Ministerio. Nestes casos Fomento financia as obras e exerce como órgano de contratación das mesmas.

Doutra banda, o Ministerio de Fomento financia moitas actuacións de intervención no Patrimonio Histórico Español mediante a achega do 1,5% da contratación de obra pública xestionada polo propio Ministerio. O programa do 1,5% Cultural é un dos instrumentos da Administración Xeral do Estado para responder o mandato constitucional polo que os Poderes Públicos deben garantir a conservación e promover o enriquecemento do patrimonio histórico, cultural e artístico dos pobos de España e dos bens que o integran.

No marco deste Programa, publicouse unha nova Convocatoria de Axudas o pasado 19 de xullo que supoñerá unha achega máxima por parte do Ministerio de Fomento de 50.520.823,21 euros.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta