No faladoiro de Radio Voz Galicia

Interveño á primeira hora de hoxe no programa Voces de Galicia de Radio Voz, que moderou Eva Millán e compartindo micrófono con Pablo Mosquera.
O tema principal tivo que ver coa comparecencia de onte no Parlamento na que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, falou da extraordinaria vaga de lumes e sobre todo das respostas ao sucedido e tamén das respostas para o futuro.
Valorei como moi positiva a proposta de Feijóo de creación no Parlamento dunha comisión específica para buscar un acordo de país sobre a política forestal que blinde a unidade de criterio e a unidade de acción.
E falei dalgunha das 30 medidas nas que propuxo traballar conxuntamente en tres frontes distintas, pero converxentes: no eido da prevención, no eido da ordenación e no eido da dinamización socioeconómica.
Sobre prevención, lembrei que a día de hoxe, 3 de cada 4 euros da loita contra o lume xa van para esa finalidade, pero é certo que hai que traballar con máis intensidade aínda.
Destaquei a necesidade dun acordo coa Administración local para incentivar economicamente a limpeza dos montes, especialmente nas faixas secundarias (as que están na contorna dos núcleos).
Tamén valorei como moi positiva a creación dos Equipos Forestais de Investigación, que ampliará e permitirá especializar o traballo que ata agora realizaban as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais.
Haberá un mínimo de tres axentes dos Equipos Forestais de Investigación en cada un dos 19 distritos forestais de Galicia, é dicir, un mínimo de 57 axentes. E que crearanse ademais os Equipos de Vixilancia de Incumprimento para velar por que se cumpran as medidas incluídas na normativa forestal e de defensa contra incendios.
Tamén dixen que é moi importante dotar á Xustiza de instrumentos para darlles aos incendiarios unha resposta proporcional ao inmenso dano que provocan, xa que todos os incendios forestais comportan un risco potencial para a vida das persoas.
Logo a moderadora quixo que fixeramos unha valoración da enquisa do CISS que foi difundida onte.
Dixen que se trata dunha mostra fiable, pero que a enquisa se realizou do 2 ao 11 de outubro, e reflicte o impacto da celebración do referendo ilegal do 1 de outubro e das imaxes das cargas policiais, do discurso do Rey e a declaración unilateral de independencia que Carles Puigdemont suspendeu inmediatamente no seu discurso do 10 de outubro ante o Parlament. Pero que esta sondaxe non reflicte episodios posteriores como a activación do artigo 155 por parte do Goberno de Rajoy e acontecementos posteriores.
Destaquei que pese ao desgaste das medidas adoptadas polo partido que apoia ao Goberno, o PP obtería un 28% dos sufraxios (oito décimas menos que en xullo); polo 24,2% do PSOE (que perde sete décimas); o 18,5% de Podemos (que perda case dous puntos); e o 17,5% de Cidadáns (que mellora en tres puntos o seu rexistro), beneficiada pola súa posición sobre o tema de Cataluña
Puxen de manifesto que segundo esta sondaxe o centro dereita que representa PP e C´s sumaría o 45,5% dos sufraxios polo 43,3% de xullo e o 42,6% das xerais de 2015.
E que a distancia entre PSOE e PP mantense a unha distancia similar, á vez que destaquei o considerable descenso de PODEMOS que vai aparellado sen dúbida ás súas posicións favorables aos independentistas en relación coa crise de Cataluña.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.