No Parlamento de Galicia, tivo
lugar hoxe o debate de totalidade do
proxecto de Lei de Orzamentos para 2018.
Nel o conselleiro de Facenda, Valeriano
Martínez, avanzou que a Xunta de Galicia vaille propoñer ás organizacións
sindicais aprobar unha oferta de emprego público para o vindeiro ano 2018
dunhas 3.400 prazas na Administración galega, que permitirán reforzar os
servizos públicos, nomeadamente a sanidade, o ensino e os servizos sociais.
Durante a súa intervención no citado debate
o titular de Facenda explicou que esta oferta de emprego dará continuidade ao
forte impulso deste ano. Precisamente, confirmou que a oferta de emprego
público da Xunta de Galicia para este 2017 disporá finalmente dunhas 3.400
prazas, fronte a previsión inicial de 3.000 prazas, e aprobarase de xeito
completo neste mes de novembro.
Valeriano Martínez lembrou que esta
oferta de case 7.000 prazas en dous anos enmárcase no Plan de Estabilidade
pactado entre a Xunta de Galicia e seis organizacións sindicais ata 2020, un
acordo que ten como prioridade acadar unha mellora das condicións de traballo
dos empregados públicos da Administración galega. Entre os seus obxectivos figura
reducir a taxa de temporalidade o 7%, polo que seguirá entre as máis baixas de
España.
O conselleiro destacou que este
incremento das ofertas de emprego mostra o compromiso do Goberno galego coa
mellora dos servizos públicos, un compromiso que tamén se plasma no proxecto de
lei de Orzamentos debatido hoxe na Cámara galega. De feito, explicou que a
Xunta dedicará 1.000 millóns de euros máis a gasto social que hai catro anos e
Galicia terá o orzamento máis alto da súa historia en sanidade, con 3.858 millóns
de euros.
“Pero máis alá do cuantitativo, nós como
Goberno destinamos máis recursos ao máis importante, ás persoas”, incidiu o
titular de Facenda. Así, explicou que a Xunta destinará a sanidade o 40,7% do
gasto non financeiro total, 5 puntos máis que en 2009, e o 24% do gasto non
financeiro irá destinado a Educación, cun incremento de 1,2 puntos. En global,
o Orzamento da Comunidade Autónoma para 2018 ascende a 9.487 millóns de euros,
un 2,9% máis respecto ao orzamento en vigor e o máis alto da década. Ademais, o
Goberno galego decide un ano máis esgotar o teito de gasto aprobado o verán na
Cámara.
331 millóns de euros máis
O conselleiro de Facenda detallou que
estas contas apostan por elevar o gasto social –que aumenta en 202 millóns- e
os investimentos, que acadan un incremento do 6,6%, o que supón o maior esforzo
investidor realizado pola Xunta desde antes da crise. O obxectivo do Goberno
galego é que consolidar a creación de emprego e a mellora do mercado laboral
coa creación duns 17.500 novos postos de traballo.
Ademais, a través da Lei de Medidas
Fiscais e Administrativas o Goberno galego introducirá novas baixadas de
impostos que se suman ás xa aprobadas nos dos últimos anos. Valeriano Martínez
explicou que estas novas bonificacións fiscais teñen como finalidade dinamizar
o medio rural, os centros históricos e a compravenda de solo industrial, e
lembrou que en 2018 continuará vixente a supresión do Imposto sobre Sucesións
para o 99% dos galegos que reciben unha herdanza dun familiar directo, así como
a baixada no IRPF para o 98,5% dos contribuíntes e o novidoso programa de
Impostos cero no rural.
Crecemento en estabilidade
Neste sentido, recalcou que o principal obxectivo do Goberno
galego en 2018 será reforzar a recuperación económica –o PIB autonómico medrará
un 2,5%, máis do agardado para España-, para que os efectos positivos desta
recuperación cheguen a todos os fogares.
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es