sábado, 21 de octubre de 2017

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé incrementar en máis dun 52% o investimento na provincia de Ourense no ano 2018

Falaba na anterior entrada do Proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta para 2018, no que destacaba o forte incremento dos investimentos, cun aumento medio do 6,6%, que supón o maior esforzo investidor realizado pola Administración galega desde antes da crise económica.

Dentro de este proxecto a Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé incrementar en máis dun 52% o investimento na provincia de Ourense no ano 2018. 

Así o proxecto de Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano consigna máis de 72,8 millóns de euros a actuacións en Ourense, fronte aos 47,79 millóns de euros presupostados o pasado ano.

Desa forma, o investimento ‘per capita’ previsto pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda en Ourense será o maior das catro provincias e superará os 231 euros por habitante.

Este incremento do orzamento permitirá dar un importante impulso ás
comunicacións viarias na provincia de Ourense, onde o presuposto da Axencia Galega de Infraestruturas se eleva desde os 41,8 millóns de 2017 ata os case 51 millóns de euros previstos para 2018.

O principal investimento recollido nos Orzamentos son os 5,72 millóns previstos para o impulso da conexión entre San Cibrao das Viñas e a A-52.

Destacan, tamén, actuacións previstas na capital de provincia, tales como a mellora da seguridade viaria na estrada OU-105 en Seixalbo, á que se destinan 900.000 euros; a mellora da avenida Otero Pedrayo, que capta 1,35 millóns de euros, ou a segunda fase da mellora da Ponte Romana, con 250.000 euros.

O incremento do investimento da Axencia Galega de Infraestruturas traducirase tamén nun imporante impulso da mobilidade sustentable, con 1,77 millóns destinados ao desenvolvemento do Plan de sendas de Galicia na comarca de Ourense.

Realizarase, ademais, un importante esforzo en materia de seguridade viaria, con 610.000 euros consignados para actuacións deste tipo, entre as que destacan as destinadas á eliminación de treitos de concentración de accidentes. O reforzo dos firmes nas vías de titularidade autonómica da provincia suporán un gasto de 5 millóns de euros, mentres que a vialidade invernal absorbe 5,84 millóns.

Vivenda pública e rehabilitación

Increméntase tamén de forma notable o Orzamento do Instituto Galego da Vivenda e Solo na provincia de Ourense, onde pasa dos 4,95 millóns de euros de 2017 a 8,54 millóns en 2018.

Entre as partidas más destacadas están os 6,75 millóns de euros consignados para a rehabilitación de vivendas, que permitirán, entre outras actuacións, desenvolver o programa Rexurbe na provincia. Con ese fin resérvanse 2,5 millóns de euros para a adquisición e recuperación de edificios, entre outros, nos cascos históricos de Ourense e Ribadavia para destinalos a vivenda social.

Ao mesmo tempo, recóllese un investimento de 420.000 euros para avanzar na execución das vivendas de promoción pública iniciadas no barrio de Covadonga e no casco histórico.

Inicio da estación intermodal

O presuposto da Dirección Xeral de Mobilidade para a provincia de Ourense aumenta aos 13,33 millóns de euros como consecuencia da posta en marcha do Plan de transporte público de Galicia.

Destaca neste capítulo a partida de 2,7 millóns de euros consignada para o inicio das obras da estación intermodal de Ourense, así como os 260.000 euros recollidos para a posta en marcha do Plan de transporte metropolitano na comarca.