Na presentación da Axenda Sectorial da Industria de Automoción

Asisto esta mañá á presentación da Axenda Sectorial da Industria de Automoción elaborada por ANFAC (Asociación Nacional de Fabricantes de Automóbiles e Camións), SERNAUTO (Asociación Española de Fabricantes de Equipos e Compoñentes para Automoción) xunto co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e KPMG en España.

O evento foi clausurado polo ministro Luís de Guindos, e contou coa participación da secretaria xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa, Dª. Begoña Cristeto, quen abordou a situación e perspectivas do sector de Automoción, con Dª. María Helena Antolín, presidenta de SERNAUTO e D. Antonio Cobo, presidente de ANFAC, que comentaron as propostas dirixidas a canalizar a industria do futuro a través do incremento da competitividade. Pola súa banda, D. Hilario Albarracín, presidente de KPMG en España, deu as claves desta industria tan competitiva.

A citada Axenda é un documento froito da colaboración público-privada orientada á mellora da nosa competitividade como país. É a primeira vez que se realiza un traballo deste tipo, cunha visión conxunta e integral da industria de automoción española. 

Esta Axenda Sectorial da Industria de Automoción inclúe unha folla de ruta con propostas específicas para potenciar, aínda máis, a industria de automoción, poñendo en valor a súa importancia e contribución como catalizador da reindustrialización en España, e seguir sendo líderes a nivel mundial.

A industria española de automoción veu realizando un extraordinario esforzo nun período de transición difícil, e soubo reposicionarse e recuperar a senda do crecemento. A asignación de novos modelos xunto coa recuperación do mercado, e o dinamismo competitivo das empresas do sector español de fabricantes de compoñentes supuxo unha facturación conxunta superior a 80.000 millóns de euros en 2016.

O sector de automoción é, ademais, o que máis contribúe á balanza comercial de España. Con máis de 2,4 millóns de vehículos exportados, representa case o 20% do valor das exportacións españolas. Pola súa banda, en torno ao 60% da facturación do sector de fabricantes de compoñentes expórtase a máis de 170 países.

Unha industria do automóbil que ten unha fortísima presenza en Galicia, onde existe unha gran planta industrial en Vigo de PSA e ao redor dela unha gran industria auxiliar.

Así na provincia de Ourense temos grandes empresas, entre elas por exemplo:


CIE Galfor unha compañía pertencente ao grupo multinacional CIE Automotive. Na súa planta de San Cibrao das Viñas dedícase á forxa e mecanización de pezas de aceiro para a automoción, principalmente cigüeñais, eixos dianteiros, palieres, brazos de suspensión, mangas e mangones. 

O Grupo Hispamoldes, que integra varias actividades desde o deseño ata a fabricación en serie. O grupo inclúe dúas plantas situadas en Ourense : Hispamoldes (fabricación de moldes medianos/grandes) e Hispaplasti (inxección).


Faurecia Automotive España que forma parte do Grupo Faurecia, e que na planta de San Cibrao das Viñas, centra a súa actividade na produción de taboleiros de abordo, guarnicións, paneis de porta e ebanisterías.

Inplasor Galicia, S.L. que se dedica desde 1997 á fabricación de pezas plásticas, ensamblaxe de compoñentes plásticos e desenvolvemento de moldes.

Megatech que en Pereiro de Aguiar ten unha planta especializada no desenvolvemento e produción de sistemas, módulos e compoñentes plásticos para o interior e exterior de turismos, furgonetas e vehículos comerciais. 


E Mecanizados Rodríguez Fernández, S.L que foi fundada en 1966 na provincia de Ourense e dedícase principalmente á fabricación de accesorios de carrocería industrial.


Con la tecnología de Blogger.