miércoles, 3 de mayo de 2017

Acordo entre Xunta, o Concello de Ourense e o Ministerio de Fomento para a tramitación urbanística conxunta do proxecto da estación intermodal

Esta mañá en Madrid tivo lugar unha reunión da comisión de seguimento do acordo sobre a estación intermodal de Ourense, co obxectivo de pechar as cuestións técnicas pendentes para abrir o procedemento administrativo.

Nela participaron a  conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel Niño, e representantes de Adif.
A estación intermodal de Ourense comprende a nova terminal de autobuses integrada na terminal ferroviaria, un aparcadoiro subterráneo, a adaptación da estación de ferrocarril e elementos de conexión entre barrios. Ao tratarse dunha infraestrutura non recollida nas normas urbanísticas en vigor actualmente en Ourense, as tres administracións acordaron o pasado mes de febreiro tramitar o proxecto de forma conxunta a través da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.
Esa norma, aprobada pola Xunta o pasado ano, está destinada a facilitar a execución de actuacións estratéxicas que non estean recollidas nas normas urbanísticas. A tramitación a través desa Lei prevé que o proxecto sexa sometido a información pública e conte cun informe municipal favorable.
A tramitación mediante esta norma fará posible que a estación intermodal de Ourense conte nun prazo razoable co amparo urbanístico e a seguridade xurídica necesaria para iniciar a contratación das obras dos diferentes elementos que a compoñen. En concreto, a Xunta financiará o 100% da nova estación de autobuses e case o 70% do aparcadoiro subterráneo.
Nesta reunión a Xunta, o Concello de Ourense e o Ministerio de Fomento acordaron iniciar esta mesma semana a tramitación urbanística conxunta do proxecto da estación intermodal de Cidade das Burgas.
Esta decisión supón dar un salto adiante de importancia no impulso desta infraestrutura estratéxica, situándose nun estado de tramitación similar ao das estacións intermodais de Vigo e Santiago de Compostela.

Proximamente, presentarase en Ourense o deseño conxunto desta actuación estratéxica para a cidade.