A importancia dos programas de axuda á eficiencia enerxética

Pola importancia do tema, destaco o recente anuncio do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital de que destinará 32,5 millóns de euros a programas de axuda á eficiencia enerxética no ámbito da iluminación municipal (28,7 millóns) e ao transporte (3,7 millóns). Trátase da segunda convocatoria deste tipo de axudas que xestiona o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

Nas próximas semanas publicaranse en BOE as convocatorias de axudas destinadas á edificación (125,6 millóns de euros) e industria (63,7 millóns de euros). Desta forma, o total do importe das axudas que destinará o Ministerio de Enerxía en 2017 aos programas de eficiencia enerxética ascende a 221,8 millóns de euros.

O orzamento destes programas provén do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética, e pode ser cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa Operativo de Crecemento Sustentable 2014-2020.

Estes programas de axudas inscríbense no marco do Plan Nacional de Acción de Eficiencia Enerxética 2014-2020 que fomenta accións concretas para materializar o potencial de aforro de enerxía nestes sectores.

Iluminación municipal:

O obxectivo desta segunda convocatoria, dotada cun orzamento de 28,7 millóns de euros, é continuar coa renovación total ou parcial das instalacións municipais de iluminación exterior co obxectivo de reducir o seu consumo de enerxía final e as emisións de CO2. Estas instalacións posúen un elevado potencial de aforro mediante a modernización das súas luminarias, lámpadas, equipos de regulación.

Na primeira convocatoria aprobáronse 65 solicitudes de concellos por importe de 64,7 millóns de euros. Nestes momentos atópanse en fase de execución e permitirán que os 2.390.000 cidadáns residentes nestes municipios dispoñan dunha iluminación de mellor calidade lumínica, obténdose uns aforros anuais para as arcas dos seus concellos de 8,3 millóns de euros e de 56.200 MWh de electricidade para o país.

Melloras no transporte:

O obxectivo desta segunda convocatoria é favorecer un cambio na mobilidade das persoas e mercadorías cara a modos máis eficientes, así como facer un mellor uso dos modos de transporte, reducindo o consumo de enerxía final e as emisións de CO2 no sector do transporte, que é o responsable do 40% do consumo enerxético nacional.

O programa para axudas ascende a 3,7 millóns de euros. Subvencionaranse os plans de transporte sustentable ao centro de traballo, a xestión de frotas de transporte de mercadorías e viaxeiros por estrada e os cursos de condución eficiente para condutores de vehículos industriais.

En canto aos resultados do programa na súa primeira convocatoria, resolvéronse favorablemente 58 solicitudes cunha axuda concedida de 3,7 millóns de euros e un aforro asociado estimado en 100 ktep/ano á finalización da súa execución.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.