sábado, 8 de abril de 2017

Ourense acolle o Sorteo Especial da Cruz Vermella da Lotería Nacional

Acudo esta mañá desde as 12,30 á Praza Maior de Ourense para asistir ao Sorteo Especial da Cruz Vermella da Lotería Nacional. 

Un acontecemento, que acompañado de sol e calor, atraeu a moitos veciños da capital e turistas que se achegaron a velo en directo. 

O primeiro premio da Lotería Nacional, que repartía un millón de euros á serie, foi parar ao número 15.369 e vendeuse integramente en Albacete e Málaga. O segundo premio, dotado con 250.000 euros a serie, foi para o 00769 e repartiuse máis: Biscaia, Cádiz, Castelló, Cidade Real, A Coruña, Selecta, Palma e Madrid. Pola súa banda, o terceiro premio de 50.000 euros por serie levoullo o 70.835 e vendeuse en Tudela (Navarra).

O 50% do recadado hoxe na Lotería Nacional irá para a Cruz Vermella e o outro 50% destinarase a fins de prestacións sanitarias. 

Este sorteo especial remóntase a  1924, cando se asinou un primeiro acordo entre Lotería Nacional e Cruz Vermella. 

Neste evento tiven ocasión de coñecer ao presidente de Cruz Vermella Española, Javier Senent, que destacou que este sorteo é unha fonte de ingresos fundamental para poder atender as necesidades da organización.

Saudei tamén á presidenta do Comité Autonómico de Galicia Carmen Colmeiro Vermello. En Ourense o Comité Provincial, presídeo Felipe Ferreiro Feijóo.

Noraboa pola perfecta organización deste sorteo en beneficio dunha organización exemplar.