martes, 24 de enero de 2017

Coñecendo a institución da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia

Convidados pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) asistimos un nutrido grupo de deputados integrantes da Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados á súa sede da rúa Alcalá, coa finalidade de participar nunha xornada de traballo orientada a profundar no coñecemento desta Institución, coñecer ao seu persoal directivo e intercambiar puntos de vista de primeira man. 

Fomos recibidos polo seu presidente D. José María Martín Quemada que tras unhas cordiais palabras de benvida deu paso a persoal da Comisión, para abordar cuestións relacionadas con "Regulación e Competencia; Mecanismos para fortalecer a independencia da CNM e sobre a Regulación aeroportuaria e ferroviaria" 

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia é o organismo que garante o correcto funcionamento, a transparencia e a existencia dunha competencia efectiva en todos os mercados e sectores produtivos, en beneficio dos consumidores e usuarios.

É un organismo público con personalidade xurídica propia. É independente do Goberno e está sometido ao control parlamentario. Entrou en funcionamento o 7 de outubro de 2013.

Aínda que a orixe da autoridade de competencia pódese situar no Tribunal de Defensa da Competencia, a creación da Comisión Nacional da Competencia (CNC) tivo lugar, formalmente, en 2007.

En 1995 creouse a Comisión do Sistema Eléctrico Nacional (predecesora da Comisión Nacional de Enerxía, ou CNE) e en 1996 a Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT). En 2003 creouse o Comité de Regulación Ferroviaria (CRF). En 2010 tivo lugar a creación do Consello Estatal de Medios Audiovisuais (CEMA) e a entrada en funcionamento da Comisión Nacional do Sector Postal (CNSP). En 2011 creouse a Comisión de Regulación Económica Aeroportuaria (CREA).

A aparición dunha pluralidade de organismos reguladores obedeceu á liberalización da industria de rede, o fin dos monopolios estatais e a necesidade de adaptación á normativa europea.

En 2013 decidiuse unificar os organismos reguladores e a autoridade de competencia co fin de garantir a seguridade xurídica e a confianza institucional, evitando duplicidades innecesarias no control de cada operador e decisións contraditorias na mesma materia. Pretendeuse, así mesmo, aproveitar economías de escala e regular os sectores administrados adoptando unha visión integradora. 

O obxectivo principal da CNMC é pois garantir, preservar e promover o correcto funcionamento, a transparencia e a existencia dunha competencia efectiva en todos os mercados e sectores produtivos, en beneficio dos consumidores e usuarios.

A CNMC está sometida ao control parlamentario, o que garante a súa independencia e incrementa a seguridade xurídica.

CNMC exerce as súas funcións a través de dous órganos de goberno: o Consello e o Presidente, que o é tamén do seu Consello.

O Consello é o órgano colexiado de decisión. Está integrado por dez membros nomeados polo Goberno, a proposta do Ministro de Economía e Competitividade, entre persoas de recoñecido prestixio e competencia profesional no ámbito de actuación da Comisión, previa comparecencia da persoa proposta ante a Comisión correspondente do Congreso dos Deputados. 

O seu mandato é de 6 anos non renovables e está sometido a un estrito réxime de incompatibilidades. O Consello pode actuar en Pleno ou en Sala. A tal fin, organízase en dúas salas: unha dedicada a temas de competencia (Sala de Competencia) e outra a supervisión de sectores regulados (Sala de Supervisión Regulatoria). O Pleno está integrado por todos os membros do Consello e presidido polo Presidente.

Ademais, a CNMC ten catro direccións de instrución (Competencia; Enerxía; Telecomunicacións e do Sector Audiovisual, así como Transportes e do Sector Postal).

Sen dúbida foi unha xornada moi proveitosa para todos os asistentes e creo que tamén para a CNMC que puido coñecer tamén as inquietudes dos parlamentarios.

Agradecín como presidente da Comisión de Fomento ás informacións dispensadas polo presidente e persoal da autoridade de competencia.