Feijóo avoga por un pacto político, social e económico para unha Lei de impulso demográfico

Hoxe foi día de sesión de control ao Goberno no Pleno do Parlamento de Galicia.
En resposta ás preguntas dos grupos o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por un pacto político, social e económico para levar á Cámara unha Lei de impulso demográfico. Con este obxectivo, Feijóo propuxo ao Partido Socialista e ao resto das forzas políticas que se integren no Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, no que están as organizacións sindicais, as universidades e a sociedade civil galega.
Cualificou a caída demográfica de “problema estrutural” e lembrou que o Goberno galego está a traballar no marco autonómico, nacional e europeo. “No marco autonómico, presentando o primeiro Plan de apoio á natalidade que existe en Galicia e con iniciativas como a Tarxeta Benvida, coas deducións fiscais máis grandes de España neste eido, con máis prazas de garderías, coa posta en funcionamento do Bono Concilia e coa creación das casas niño”, precisou, incidindo en que en toda a historia da Comunidade non houbo en Galicia outro goberno que achegase máis apoio as familias e máis deducións fiscais por fillos que este.
Así mesmo, a nivel nacional lembrou o pacto asinado por Galicia e outras comunidades como Asturias, Castela e León, Cantabria, Castela a Mancha, a Rioxa, Estremadura e Aragón para atallar a crise demográfica. E, no marco europeo destacou a petición galega de que os fondos europeos se valoren desde o punto de visto demográfico.
Implicación de todos para loitar contra a violencia de xénero.

 O presidente da Xunta aproveitou a súa intervención na Cámara para trasladar a solidariedade dos galegos, do Parlamento e do Goberno autonómico aos familiares de Ana e Elena, “asasinadas vilmente hai uns días en Galicia”.
Sobre este punto, Feijóo apelou á concienciación social de todos para loitar contra a lacra da violencia machista, “porque isto –dixo- non é un problema das mulleres é un problema de toda a sociedade”.
Feijóo garantiu o compromiso da Xunta na loita contra a violencia machista e a favor da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, subliñando que os orzamentos destinados á Secretaría Xeral da Igualdade subirán un 31% en 2017, un 60% as axudas económicas en relación coas mulleres vítimas de violencia de xénero e un 23% as achegas para os programas de atención psicolóxica.
Nesta liña, salientou ademais que Galicia será a primeira comunidade que regulará a formación específica en igualdade para o persoal da Administración autonómica; “somos das primeiras comunidades que temos unha materia de formación en igualdade no ámbito da educación obrigatoria e estamos a elaborar un protocolo de coordinación institucional a través do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, unha folla de ruta para establecer unha atención personalizada e especializada ás vítimas”.
O responsable da Xunta incidiu na importancia de denunciar para loitar contra a violencia de xénero, lembrando que o teléfono 016 está á disposición de todos os cidadáns as 24 horas do día.
Un novo modelo de financiamento autonómico
Por último, o presidente do Goberno galego reiterou a necesidade dun sistema de financiamento que fale non de territorios senón dos custos dos servizos, das persoas, dos maiores, dos nenos, das cidades, das aldeas e que reflicta a sanidade como unha peza separada, “porque as comunidades investimos en sanidade máis do 40% do gasto”.

“Non imos supeditar a reformulación do sistema de financiamento autonómico a unha discusión de bandeiras, de sentimentos ou de emocións. Esa non é a cuestión, a cuestión é que unha prótese de cadeira custa o mesmo en Cataluña que en Santiago e que un maior ten os mesmos dereitos en Zafra que en Ortigueira. Iso é o que vou defender. O envellecemento da poboación é un cálculo obxectivo, incuestionable. Non vou propoñer unha tarifa eléctrica distinta dicindo que en Galicia temos que pagar unha cousa e no resto de España outra, porque non quero que se rían de nós”, aseverou, lembrando que o concerto económico sería un mal negocio para Galicia.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.