O 75 % dos lumes forestais en Galicia son intencionados

Onte o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, daba conta en rolda de prensa que no Consello foi presentando un informe no que se avalían as causas dos incendios forestais en Galicia.
Afírmou que tres de cada catro lumes que se deron na comunidade na última década foron provocados –“é dicir, o 75% dos lumes forestais son intencionados”, aseverou- ; o 30% se iniciaron pola noite; un 8% comezou con máis dun foco de xeito simultáneo; e o 14% dos incendios concéntranse nas coñecidas como parroquias de alta actividade incendiaria, pese a supoñer só o 3,6% da superficie de Galicia.
Logo de precisar que no que vai de 2016, a porcentaxe de intencionalidade nos lumes mantense por riba do 73%, Feijóo afirmou que de entre o resto dos lumes, os causados por neglixencias ou accidentes, os seus principais motivos son: os escapes de queimas durante o inverno, o uso de maquinaria ou o emprego de artefactos pirotécnicos.
No tocante á elevada porcentaxe de incendios que se rexistran pola noite, o titular do Executivo autonómico precisou que arredor do 30% dos incendios dos últimos 10 anos se rexistraron entre as 21:00 e as 7:00, unha porcentaxe que se eleva ata o 38% no que vai de 2016.
Así mesmo, cómpre salientar que as 67 parroquias de alta actividade incendiaria acumulan máis do 14% dos lumes no último decenio, e o 12,43% dos lumes neste 2016. E, mentres na media de Galicia a taxa de intencionalidade está no 75%, nestas parroquias dispárase ata o 86,67%.
Durante a súa intervención, Feijóo destacou tamén o traballo dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado na loita contra a actividade incendiaria, subliñando que neste 2016 a Garda Civil e a Policía Autonómica investigaron na comunidade a 68 persoas pola presunta autoría de 114 incendios forestais.
O informe resume tamén a situación das actuacións que se están a levar a cabo para recuperar os terreos queimados polos incendios do pasado verán nos 12 lumes máis importantes, nos que houbo que decretar a situación 2 pola proximidade dos lumes a núcleos de poboación: un no concello de Porto do Son; seis na provincia de Ourense –Avión, Boborás, Entrimo, Melón, Monterrei e Muíños-; e cinco na provincia de Pontevedra –Arbo e As Neves, Caldas de Reis, Catoira, Cotobade, Redondela e Soutomaior-.
O titular da Xunta precisou que as actuacións que se están a levar a cabo céntranse na restauración e consolidación dos terreos con tratamentos para evitar a erosión: labores de reparto de palla sobre o terreo queimado; traballos de recuperación de infraestruturas; control de riscos hidrolóxicos erosivos; eliminación de madeira queimada; e accións de rexeneración da vexetación afectada.
Ata o momento, xa se actuou con técnicas de reparto de palla en máis de 95 hectáreas; colocáronse máis de 3 quilómetros de barreiras filtrantes para evitar arrastres aos ríos e ao mar; limpáronse uns 20 quilómetros de pistas e iniciouse a reparación de máis de 16 quilómetros de infraestruturas.
Feijóo concluíu incidindo en que informes coma este axudan a percibir a relevancia que teñen os incendiarios.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.