Feijóo: "sentidiño é mirar cara o futuro con ambición e con humildade"

Asisto esta mañá nun hotel en Montouto, Santiago a unha reunión da  Xunta Directiva do Partido Popular coa presenza de todos os integrantes  do Goberno galego coa única excepción do conselleiro Francisco Conde. 

O presidente, Alberto Núñez Feijoo, afirmou que o PPdeG construirá “unha maioría aberta na que a meirande parte dos galegos, independentemente das súas preferencias políticas, poidan atopar respostas ás súas inquedanzas”. 

“Coa cabeza fiel aos nosos principios, os brazos abertos para acoller novas achegas e o corazón posto sempre en Galicia construiremos unha maioría aberta”, insistiu Feijóo, sinalando que isto só se pode facer dun xeito: “escoitando ao noso pobo, falando con él, traballando para él”.

“Agora temos un novo reto no horizonte: as eleccións de 2019”, dixo o presidente mentres admitía que necesitan “empezar a pensar desde hoxe e a actuar desde mañá”. Por este motivo, o presidente comprometeuse a visitar os 313 concellos antes da cita coas urnas dentro de tres anos.

RENOVAR, AMPLIAR E ACTUALIZAR O CONTRATO CON GALICIA

Durante a súa intervención na Xunta Directiva,  Feijóo salientou que Galicia segue sendo excepcional grazas á confianza que depositaron os galegos nos populares, “única na España de hoxe”. 

Tal e como engadiu, o pasado 25 de setembro “renovamos, ampliamos e actualizamos o noso contrato con Galicia”, cuxos dous grandes obxectivos son “garantir o benestar para as familias e facilitar o progreso do país”.

O presidente recoñeceu que non se trata de obxectivos fáciles e que nunca poderán tachalos e dicir misión cumprida, “porque Galicia sempre merecerá máis”. Nese senso, comprometeuse a que todos aqueles que integran o partido traballarán pola nosa comunidade.

No tocante á elección do seu Executivo, Feijóo lembrou que, malia que algúns levan anos dicindo que os galegos precisamos solucións radicalmente diferentes, “fronte a esta mística do cambio polo cambio, os galegos votaron sentidiño”.

“Por este motivo, á hora de formar un Goberno para esta nova etapa de oportunidades, escollín a dez homes e mulleres que demostraron ampla capacidade de traballo”, subliñou destacando que todos os conselleiros teñen experiencia, que cometeron erros e acertos porque teñen unha traxectoria, que foron sinceros co seu pobo e que agora lle poderán dicir á súa xente “adiante” para deixar atrás a recesión.

TENDER A MAN POR UN PROXECTO COMÚN

Tamén afondou na necesidade de integrar no seu proxecto de futuro á xente que non cre na política e á que perdeu a confianza nela así como a de tenderlle a man ás forzas políticas da oposición. 

Nese sentido, precisou que o resto de partidos atoparán a man dos populares tendidas cando se trate de impulsar o progreso económico e a creación de emprego; de abrir novas oportunidades para o noso agro e o noso mar; de achegar ideas para que a comunidade sexa o mellor lugar para formar unha familia; ou cando se trate de garantir que Galicia non sexa máis que ninguén, pero tampouco menos, na España autonómica.

“O cambio de actitude dos partidos que os galegos puxeron na oposición invitan a pensar que estamos a abrir unha nova época na política galega: a época do diálogo responsable”, sostivo o presidente asegurando que o proxecto común é Galicia.

Para Feijóo, a tarefa dos populares está comezando de novo nun país que lles outorgou a responsabilidade máis grande que existe que é “facer que os nosos fillos vivan nunha Galicia mellor que a nosa”. 

En resposta a esa confianza, o presidente remarcou que demostrarán unha vez máis “que cando Galicia fala, o Parlamento amplifica.  Que cando Galicia pregunta, a Xunta busca respostas. Que cando Galicia reclama, este partido se pon á súa enteira disposición.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.