Un programa electoral que só depende dos cidadáns, pactado antes e non despois das eleccións

Esta mañá o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou o programa electoral para os vindeiros catro anos xunto ao voceiro do grupo parlamentario Pedro Puy, encargado de coordinar o mesmo.

Segundo indicou, do mesmo xeito que o cumprimento dos programas anteriores demostrou que si é posible superar a crise e alcanzar a recuperación,este programa demostrará que é posible “consolidar o crecemento económico, que crezamos todos xuntos, que sigan crecendo os nosos servizos públicos e que sigamos crecendo como país”.

 Tal e como lembrou, en 2009 fixeron o programa que podían facer para non agravar a crise económica e en 2012 o que podían facer para afianzar o crecemento en lugar de comprometelo. Catro anos despois, Feijóo manifestou que “somos o único partido que pode presentar un programa electoral que só depende dos cidadáns”, indicando que o pactaron antes e non despois das eleccións.

“Eu non son como os falan desde púlpitos e só lles gusta escoitarse a si mesmos. Eu prefiro seguir aprendendo dos galegos”, engadiu namentres explicaba que está favor dos acordos pero non das chantaxes, e que defende o diálogo pero non acepta a imposición.

“A GALICIA QUE QUEREMOS”


O presidente recoñeceu que lle pide o apoio aos galegos humildemente, e non só polo que xa fixo, senón sobre todo porque crean que os populares son quen de facer máis e de facer unha Galicia máis grande.

Nese senso, apuntou que queren que nos próximos catro anos se comece a falar de mellores condicións laborais así como agardan máis crecemento sostido na próxima lexislatura. Ademais, tras recordar que se puido facer a maior rebaixa fiscal da nosa historia, eliminando ademais tributos como o de sucesións e no rural, queren que os galegos teñan nos próximos catro anos menos impostos.

De igual xeito, afirmou que Galicia será o lugar de España con máis apoio aos autónomos; que proporán seguir buscando a confianza de máis investidores nos sectores estratéxicos e que, xa que en Galicia xa se considera normal innovar e exportar, ampliarán esa aposta especialmente ás pemes.

Ademais, tras facer máis atractivo o rural con impostos cero para adquirir parcelas ou con axudas para que máis mozos inicien unha actividade agraria, aprobarán a primeira Lei de Agricultura ou novos incentivos para vivir nel. Xa no que se refire ao mar, irase a máis da man do sector tomando todas as decisións no seo dun Consello Galego de Pesca.

“Fomos quen de moito pero somos quen de moito máis”, precisou incidindo en que en Galicia si se pode investir, si se cumpren os compromisos e e si se reduce a débeda porque na nosa comunidade se pode confiar.

FALAR FACENDO
“Fálase facendo. Non defende máis Galicia quen aspira a ser o mellor charlatán do elenco político actual. Como se defende realmente Galicia é traballando por ela”, puxo en valor o número un do PPdeG.

Desta forma, indicou que a mellor maneira de defender aos mozos non é dicíndoo, senón facendo que haxa máis oportunidades para eles como xeneralizando a FP dual, con novas bolsas para os mellores estudantes ou con opcións máis alcanzables de vivenda.

Igualmente, a mellor maneira de defender ás persoas con máis dificultades é abríndolles camiño para saír da exclusión social ou seguindo con novas axudas para diminuír as dificultades; así como para defender a Educación Pública hai que facer que haxa máis prestacións, polo que nos vindeiros anos se estenderán os programas de idiomas e de novas tecnoloxías aos ciclos pendentes.

No tocante á Sanidade Pública, avanzou que na próxima lexislatura o 100% dos galegos terá unha infraestrutura sanitaria nova ou renovada na súa área; mentres que para facer que Galicia sexa o mellor lugar para ser pai ou nai garantirán desde o próximo curso unha axuda para a conciliación; e para defender aos maiores, continuarán ata reducir a cero a lista de espera para a axuda no fogar.

RESPECTAR GALICIA


“Defende máis Galicia quen máis fai”, aseverou o dirixente sinalando que ninguén lles pode dicir aos populares que non se esforzaron. “Que nos falten o respecto a nós é o de menos, porque nós o respecto debémosllo a Galicia”, subliñou.

Nese senso, insistiu en que respectar a Galicia é defendela como é, coa súa pluralidade e os seus matices, rehabilitar a súa esencia, facer que nos respectemos todos, defender o mesmo que teñen outras comunidades, traballar responsablemente ou ser conscientes do que queda por facer pero tamén do potencial que temos. “Preséntome porque creou no meu país”, afirmou Feijóo.

“O futuro de Galicia non pode ser unha subasta. Ten que ser o que os galegos decidamos facer todos xuntos”, admitíu o presidente mentres destacaba que os populares preséntanse a estas eleccións para que Galicia si teña un proxecto, un goberno, máis avances e máis oportunidades.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.