miércoles, 3 de agosto de 2016

Feijóo no Pico Sacro: " O meu obxectivo non é vencer, é que Galicia siga gañando e crecendo "

Tivemos hoxe a unha considerable altitude unha xuntanza da Xunta Directiva do PP de G, no mítico Pico Sacro.

Un dos montes máis míticos e coñecidos de Galicia e a súa silueta serve de punto de referencia paisaxística dunha ampla zona territorial. É unha fonte de innumerables lendas e contos populares. Este monte é venerado polos habitantes da comarca antes e despois do cristianismo, cumprindo un papel fundamental no mito do traslado do corpo do Apóstolo Santiago. Ten unha peculiar morfoloxía a base de rocas de guijarro cristalizado e unha altura de 553 metros sobre o nivel do mar.

Segundo a lenda da Raíña Lupa recollida no Códice Calixtino, que narra a chegada do corpo do Apóstolo Santiago a Galicia, catalógase ao Pico Sacro como a primeira tumba do Apóstolo. Ademais desea importantísima lenda hai outras moitas que naceron directamente das xentes que habitan na contorna e que teñen como protagonistas a personaxes da mitoloxía tradicional galega, como son os mouros e as serpes que habitan nas misteriosas covas que hai preto do cume do Pico. Desde a Vía da Prata, o Pico Sacro marca a última etapa do Camiño de Santiago.

Deu a benvida o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e falou logo o secretario xeral, Miguel Tellado.

Pechou a xuntanza o presidente Alberto Núñez Feijóo que afirmou que a data para as eleccións autonómicas -o próximo 25 de setembro- foi escollida porque Galicia unha vez máis volve mandar a mesma mensaxe que enviou durante todo este tempo: “aquí somos serios. Aquí somos responsables. Aquí se chama Galicia”.

Nesta liña, recordou que fomos responsables nos momentos máis difíciles da crise, cando a ingobernabilidade chegou a moitas comunidades autónomas e concellos, e durante a parálise destes sete meses en España, desde o primeiro día. “E somos responsables ata o último día da lexislatura, tamén para convocar as eleccións”, enfatizou.

Recalcou que a inestabilidade, a irresponsabilidade e o bloqueo non foi, nin é, nin será, se de el depende, por Galicia. Así, namentres en España houbo eleccións pola irresponsabilidade aquí hainas porque completamos unha lexislatura estable e non hai incertezas nin irresponsabilidade.

E é que, para Feijóo, a nosa comunidade foi o que debería ter sido o país, por ese motivo afirmou que España debe “empezar a tomar nota das comunidades que cumprimos coa nosa responsabilidade”. “Eu quero unha Galicia que siga sendo Galicia”, engadiu.

Malia ser conscientes de que unha maioría estable é unha excepción en España, o presidente indicou que teñen argumentos, feitos e razóns para pedirlla aos galegos, xa que a nosa comunidade tamén foi e é unha excepción de estabilidade,responsabilidade, solidariedade, sentido común, e polo que todos xuntos fixemos.

Por outra banda, manifestou que chama a atención que a oposición se sorprenda porque haxa eleccións en outono catro anos despois das anteriores.


Malia isto, recoñeceu que xa sabían que os seus líos lles impiden presentar un proxecto serio e responsable para Galicia ou centrarse no que verdadeiramente importa, así como que os seus problemas agora tampouco lles deixan prever ata o máis obvio.

Así mesmo, sinalou que a nosa comunidade non sería máis importante se tivera eleccións días despois do País Vasco -tal e como considera a oposición-, senón que sería máis frívola. “Galicia é máis importante cando con máis responsabilidade e seriedade se actúa”, incidiu.

De igual xeito, recoñeceu que non é necesaria unha semana máis ou menos para prepararse cando se ten un proxecto, cando non hai que improvisar un partido e unha candidatura, ou cando se ten a motivación suficiente que, para os populares, é a nosa comunidade.

“Como non imos crer en Galicia se vemos o futuro moito mellor que hai catro anos? Nunca melloramos tanto en tan poucos meses como estamos mellorando nestes últimos”, precisou Feijóo.

VOCACIÓN E SENTIMENTO

Na súa intervención, o presidente explicou que non se presenta como candidato á Xunta por unha cuestión partidista, ideolóxica, profesional nin política, senón que o fai por vocación e sentimento.

Segundo engadiu, os populares non están para derrotar a ninguén, para faltar o respecto a quen pensa diferente, nin para ir á contra. Do mesmo xeito, dixo que non os convoca a división, o odio ou as revanchas; faino Galicia. 

“Eu estou aquí porque quero a Galicia e me poño á súa disposición”, sinalou mentres apuntaba que non hai maior motivación, maiores ganas e maior ilusión que a nosa comunidade.