O vindeiro martes constitúese o Congreso da XII Lexislatura

O Congreso da XII Lexislatura constitúese o vindeiro martes, 19 de xullo, a partir das 10,00 horas, nunha sesión na que se elixe ao presidente e os membros da Mesa da Cámara; e os candidatos que obtiveron escano o 26 de xuño son chamados un a un para acatar a Constitución, requisito para adquirir a condición plena de deputado.

A data e hora da sesión constitutiva fíxase no Real Decreto de convocatoria, publicado no Boletín Oficial do Estado o 3 de maio de 2016, e no que tamén se determina a repartición de escanos que corresponden a cada circunscrición.

Nesta ocasión, o Real Decreto de Convocatoria foi elaborado por S.M. o Rey Felipe VI e referendado polo presidente do Congreso dos Deputados, Patxi López, tal e como determina o artigo 99.5 da Constitución para o caso en que, transcorridos dous meses desde a primeira votación de investidura, non se lograse elixir presidente do Goberno.

A sesión constitutiva, cuxo desenvolvemento se regula nos artigos 2 a 4 do Regulamento da Cámara, será presidida polo deputado de máis idade dos presentes, como presidente, asistido polos dous máis novos, como secretarios, que constitúen a denominada Mesa de Idade.

O presidente da Mesa de Idade declara aberta a sesión e un dos secretarios le o Real Decreto de convocatoria, a lista de deputados electos e os que poden verse afectados por algunha resolución contencioso-electoral pendente. 

A continuación iníciase a elección da Mesa do Congreso, formada polo presidente, catro vicepresidentes e catro secretarios. A votación realízase en urna por chamamento, e está regulada no artigo 37 do Regulamento da Cámara.

Cada deputado escribirá un só nome na papeleta, e será elixido presidente o que obteña o apoio da maioría absoluta, 176 deputados. No caso de que non se obteña, realízase unha segunda votación entre os dous deputados que obtiveron maior número de votos, e será elixido presidente o que teña máis votos. 

A elección dos catro vicepresidentes realízase cunha única votación, na que cada deputado escribe un nome e resultan elixidos, por orde, os que máis votos teñan. Co mesmo sistema realízase a votación dos catro secretarios. 

Unha vez elixidos, os membros da Mesa ocupan os seus postos, e o presidente electo, tras prestar promesa ou xuramento de acatar a Constitución, chama un a un, por orde alfabética, ao resto dos deputados para que fagan o mesmo.

Ao acatar a Constitución os deputados cumpren o terceiro dos requisitos establecidos pola Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) e no Regulamento do Congreso, presentar a credencial expedida pola Xunta Electoral correspondente e a declaración de actividades.

O presidente declara entón constituído o Congreso e levanta a sesión, para despois comunicarllo ao Rey, ao Senado e ao Goberno. 


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.