Na entrega do premio de Periodismo “Xosé Aurelio Carracedo” a Santiago Jaureguizar

Asisto hoxe pola mañá na Deputación Provincial de Ourense, ao acto de entrega ao xornalista Santiago Jaureguízar do XXVI Premio de Periodismo “Xosé Aurelio Carracedo”, na súa edición 2016. O xurado do certame concedeu o galardón polo artigo publicado no xornal “El Progreso” de Lugo, titulado Os amigos do cadáver de Blanco Amor.

Santiago Jaureguizar é redactor de Cultura do diario El Progreso de Lugo dende 1993. Coordina o suplemento cultural Táboa Redonda. 

Un certame instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade. Tiven a oportunidade de coñecelo e acredito as suas cualidades.

O acto, presdido por Manuel Baltar, contou tamén coa participación de Clara Carracedo, irmá de Xosé Aurelio, e do deputado provincial de Cultura e presidente do xurado, Manuel Doval, e a presenza de representantes institucionais e dos ámbitos cultural, social e xornalístico.

Santiago Jaureguizar agradeceu ao xurado por escoller o seu artigo para este premio “un dos máis importantes que se conceden no país en prensa”. O xornalista explicou que no seu artigo fala “das relacións entre os intelectuais e os políticos a través da figura de Blanco Amor, despois de ler unha entrevista coa escritora María Xosé Queizán que era amiga del e contaba o que lle sucedeu a Blanco Amor cando morreu”.

Na clausura do acto, Manuel Baltar afirmou que hoxe “celébrase o Día Mundial da Liberdade de Prensa, efemérides que vimos conmemorando desde 1993, e que este ano fai referencia á cidade de Helsinki, tendo como lema a participación cidadá, a transparencia e o acceso á información, cuestións fundamentais que corresponde poñer en valor, e que, con este premio, desde a Deputación de Ourense, destacamos, como tamén unha aposta importante polo xornalismo de calidade”, afirmou o presidente provincial.

Baltar subliñou que “Salientamos hoxe a figura do xornalista Xosé Aurelio Carracedo porque seus valores son os que inspiran este premio: “C” de compromiso, curiosidade, certeza, credibilidade e de contrastar as informacións, algo básico en calquera código deontolóxico da profesión xornalísticas, valores todos que atesora o traballo de Carracedo”, dixo Manuel Baltar, e engadiu que Santiago Jaureguízar “contará a partir de agora co prestixio de ter este premio, e este premio contará tamén co prestixio que supón unir o nome de Santiago Jaureguízar á nómina de premiados con este galardón”.

Parabéns ao premiado.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.