A Xunta destinará, aproximadamente, un terzo dos recursos do superávit de responsabilidade en garantir un mellor futuro dos nenos e da mocidade galega

Houbo onte Consello da Xunta e despois a habitual rolda de prensa, na que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo avanzou que a Xunta destinará, aproximadamente, un terzo dos recursos do superávit de responsabilidade en garantir un mellor futuro dos nenos e da mocidade galega. “O noso futuro son os nenos galegos e é a mocidade; son mellores condicións para a sanidade pública e máis axudas para as familias e as persoas que máis o precisan; e son maiores facilidades para o emprendemento e a dinamización económica, e máis investimentos produtivos que sexan rendibles hoxe e mañá”, aseverou.

Precisou que nas próximas semanas irase debullando con maior profusión as decisións, as medidas e os programas que permitan cumprir con estas prioridades.

No tocante á infancia, afirmou que, do mesmo xeito que a comunidade galega iniciou a vacinación infantil antipneumocócica, defendeu a vacinación contra a varicela antes dos tres anos e puxo á disposición plans sanitarios concretos como o da prevención da obesidade infantil ou a proba de cribado a recén nacidos, a Xunta porá en marcha o Bono Coidado para completar a oferta de apoio ás familias, tamén en casos en que os pequenos teñan que permanecer na súa vivenda debido a unha enfermidade.

No eido social, afirmou que se axilizará a entrada en funcionamento para o próximo curso de 7 novas garderías con 479 novas prazas públicas; e impulsaranse obras de mellora de equipamento en 100 garderías públicas. “E faremos ademais os trámites necesarios para estender a Tarxeta Benvida ao próximo ano, de xeito que bebés nados en 2017 tamén reciban a axuda de 100 euros”, dixo.

Feijóo subliñou que estas medidas complementarán a outras xa postas en funcionamento, entre as que destacou: o Bono Concilia, para que todas as familias que o precisen teñan acceso a unha praza pública ou, no seu defecto, a unha axuda directa para gardería; as casas-niño no rural ou o servizo de axuda no fogar para a infancia; e as deducións fiscais.

En relación á educación, resaltou que a Xunta inxectará –ademais dos fondos de investimento previstos xa- 20 millóns máis de euros para realizar distintas melloras nos colexios e nos institutos, que permitirán acometer diversas actuacións en 372 centros educativos, o que suporá actuar en 1 de cada 3 centros de ensino, beneficiando a preto de 100.000 estudantes.

Igualmente, duplicarase a oferta de bolsas e becas destinadas a que os rapaces poidan aprender inglés, de xeito que este mesmo ano duplicaranse as prazas para actividades de inmersión lingüística, coa previsión de chegar a uns 1.400 rapaces.

No eido da mocidade, avanzou dúas decisións: a primeira delas, será a gratuidade do transporte público interurbano metropolitano para todos os galegos menores de idade. “Todos os mozos de menos de 18 anos terán gratuítos os desprazamentos dentro da área metropolitana”, dixo, ao que engadiu que a Xunta se porá en contacto con aqueles concellos do ámbito rural que aínda non estean no transporte metropolitano, para que se incorporen voluntariamente e así poder chegar ao 100% de Galicia.

No tocante á segunda decisión, destacou que o Goberno galego incrementará nun 50% as prazas de investigadores, co obxectivo de que 300 investigadores permanezan en Galicia.

Feijóo concluíu facendo fincapé en que defender unha política responsable fixo posible falar dunha “prima de solvencia” que agora, ten consecuencias concretas e positivas para os cidadáns. 



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.