Feijóo: " hoxe, coma sempre, traballarei ao máximo e pelexarei con todas as miñas forzas por Galicia"

Asisto hoxe á última xornada do XVI Congreso do PPdeG, que se celebrou este fin de semana en Ourense. Na clausúra houbo dúas intervencións destacadas, en primeiro lugar a da secretaria xeral do Partido Popular, María Dolores Cospedal, que asegurou que "o 26 de xuño e tamén nas próximas autonómicas en Galicia, o PP vai volver a ser o referente de estabilidade, confianza, crecemento, prosperidade e futuro". "Xa vimos o que dá de si a nova política. Necesitamos gobernos fortes, estables e defender ao noso país e aquilo no que nós cremos"

Explicou que durante estes catro meses viuse "o que fixo cada un e nós fomos coherentes co noso proxecto". Neste sentido lembrou que mentres "tivemos a uns e a outros representando un vodevil" de roldas de prensa, reunións, entrevistas ou renunciando ao seu propio programa electoral para apoiar ao candidato que sacara o peor resultado da súa historia, desde o Goberno de Mariano Rajoy "dedicámonos a ser responsables e a non enganar aos españois".

"Nós queremos que España creza, que se cre emprego de calidade, seguir crecendo máis que ningún país de Europa, fortalecer as nosas institucións, garantir a liberdade dos pais para elixir a educación dos seus fillos, coidar da agricultura, da pesca da gandería. Queremos coidar dos que viven nas grandes capitais e tamén en provincias, no medio urbano e no medio rural. Iso é o que representa o PP e non nos imos a perder noutras cousas", subliñou. 


Despois da votación na que o 97,8 % dos delegados do PPdeG apoiaron  a candidatura de Alberto Núñez Feijoo á presidencia do partido, comezou a última intervención.



Feijóo, que agradeceu o traballo realizado por Alfonso Rueda, asegurou que vai converter a honra de volver a liderar o partido na obriga e no compromiso de non deixar de traballar “nin un minuto” por unha Galicia orgullosa do que é, do que sente e do que fai, e que ten o seu futuro só nas mans dos galegos.

O líder do PPdeG agradeceu a confianza depositada nel por parte dos militantes e asegurou que sabe o que supón a responsabilidade de presidir o partido; de dar a cara polos 100.000 afiliados e ser o portador da ilusión e esperanza de tantos galegos; de manter o listón máis alto que o dos demais; e do reto de acadar o que ningún outro partido en ningún outro lugar acadou.

Feijóo pediu o apoio e implicación de toda a formación para seguir traballando “todos xuntos” por Galicia, tal e como sucedeu en 2009, en 2012 e como sucederá en 2016.

ORGULLOSOS DE GALICIA

Segundo Feijóo, en Galicia hai unha política responsable ante a frivolidade que afundiu o pasado e que agora quixo bloquear o futuro; hai un partido unido, democrático e autoesixente, que se renova e exerce un servizo público con humildade; hai un país que dá exemplo, que axuda e se une.

Por iso, o presidente do PPdeG reivindicou a política que se fai en Galicia e fixo fincapé en que non se xogou cos cartos dos cidadáns nin co seu futuro, senón que se xestionou con seriedade e sensibilidade. Así, a economía da comunidade crece e o paro baixa; o sector primario segue a ser prioritario; hai máis investimento e innovación; hai máis profesores, máis idiomas, máis tecnoloxía no ensino público; hai unha universidade accesible; hai máis hospitais públicos, centros de saúde e tecnoloxía sanitaria; hai máis servizos sociais; máis apoio a quen máis o precisa; maiores respaldos ás familias e menos e máis baixos impostos cada ano.

Con respecto a isto, Feijóo engadiu que, se ben noutros lugares non hai unidade, equipo, renovación, proxecto en positivo, estabilidade nin goberno, en Galicia si o hai grazas ao PPdeG. Nesta liña, sinalou que en España non hai maiorías, pero en Galicia si, e os populares vanse esforzar porque así siga sendo.

Por este motivo, afirmou que, malia que aínda quedan metas que acadar, Galicia non ten nada do que acomplexarse fronte a ninguén en España, nin nada que envexar nin que imitar. Por iso, amosouse orgulloso de Galicia e apuntou que sempre buscará mellorala pero non a cambiará por nada.

O presidente electo do PPdeG puxo a Galicia como exemplo e aos galegos como guías e, neste senso, reivindicou “máis Galicia” fronte a muros entre territorios, ideoloxías, partidos e políticos; fronte á soberbia, a preocupación e o egoísmo; fronte á irresponsabilidade, a frivolidade e o bochorno. Segundo Feijóo, “máis Galicia” é máis convivencia, máis futuro, pero tamén máis España.

UNHA GALICIA RENOVADA

Recoñeceu que Galicia avanzou e mellorou moito, pero iso só mostra que os populares son capaces de conseguir todo que queda por diante: unha Galicia que debe consolidar a súa recuperación; que debe funcionar como unha grande capital europea; que é o enlace de España con Portugal e de Europa con América; que se reinventa ao tempo que conta cos seus sectores tradicionais; que debe pechar o círculo das comunicacións para abrise aínda máis ao mundo; e unha Galicia que debe poñer en valor o seu patrimonio, xa sexa paisaxístico, natural, cultural e, sobre todo, demográfico.

Por iso, aposta por unha Galicia que apoie máis que en ningures ás nais e pais que deciden ter fillos e por iso quere unha Galicia que creza pola vía da innovación e da educación.

Por outra banda, o presidente electo do PPdeG indicou que renovou o partido –cunha renovación do Comité Executivo do 44,6%- e renova o seu compromiso porque cómpre estar preparados para o que queda por diante: renovar Galicia, para dar espazo a unha nova xeración de galegos; para identificarnos pola innovación e a tecnoloxía; para que o que nos identifica non sexa só algo do pasado senón parte do futuro; para non deixar de ser o que fomos e poder seguir sendo o que somos.

“Asumo hoxe este mandato co propósito de que Galicia se renove; é dicir, se prepare, se fortaleza e vaia por diante”, asegurou. “Fomos diante nas duras e temos que renovarnos para que Galicia vaia por diante tamén nas maduras”, abundou.

Feijóo concluíu dando a súa palabra de que “hoxe, coma sempre, traballarei ao máximo e pelexarei con todas as miñas forzas por Galicia”. “Imos traballar todos xuntos co obxectivo de dalo todo por Galicia”, sentenciou.

Finalizada a súa intervención as persoas que integran o Comité Executivo do PP de G, pousamos nesta foto. A miña responsabilidade será novamente a de presidir o Comité de Dereitos e Garantías.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta

 

Con la tecnología de Blogger.