jueves, 7 de abril de 2016

Expourense, albergará a primeira pista de atletismo hidráulica cuberta de Galicia

Salientar que hoxe  O Consello de Goberno da Xunta de Galicia autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, para a construción no recinto feiral da primeira pista de atletismo hidráulica cuberta de Galicia.

Este autorización segue á dada no día de onte polo Padroado da Fundación, presidida polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

A nova pista, que será construída neste ano a través do investimento da Secretaría Xeral para o Deporte de máis de 2.700.000 euros, permite a compatibilidade de uso coas feiras que se celebran en Expourense.

Esta compatibilidade fará que a instalación sexa máis competitiva e favorecerá a súa internacionalización e o aumento dos días de ocupación do recinto, o que supón un impacto económico para Ourense e o resto de Galicia.

Ademais, a pista poderá acoller citas autonómicas e nacionais e garante a posibilidade de organizar campionatos internacionais de atletismo, convertendo Expourense nun referente do noroeste español na organización de eventos deportivos.

Logo da subscrición do convenio hoxe autorizado, a Secretaría Xeral para o Deporte procederá á publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio da licitación conxunta do proxecto e da obra.