Deputados populares de Ourense, Lugo e León pedimos ao novo Congreso que reitere o seu compromiso coa A-76

Mañá na Comisión de Fomento do Congreso defenderei unha Proposición non de Lei do Grupo Parlamentario Popular coa que pretendemos que o Parlamento xurdido tras o 20-D manifeste o seu compromiso coa necesidade de continuar impulsando as actuacións necesarias para que se faga realidade o proxecto de autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada.

Trátase dunha iniciativa impulsada conxuntamente polos deputados populares das provincias de Ourense, Miguel Ángel Viso e Celso Delgado; León, Eduardo Fernández e María del Carmen González Guinda, e Lugo, Joaquín García e Jaime de Olano.

Entendemos que  o proxecto da autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada (que discorre polas provincias de Ourense, Lugo e León) é de gran importancia para a mellora das comunicacións entre Castela-León e Galicia, sendo a primeira prioridade o tramo entre Valdeorras e O Bierzo.

Esta nova vía de alta capacidade supoñerá un importante avance desde o punto de vista funcional nas condicións existentes de comunicación no corredor da estrada nacional N-120, e mellorará tanto as distancias do percorrido, como os tempos de desprazamento e as condicións de comodidade e seguridade para os usuarios da vía e a súa contorna.

É unha actuación considerada estratéxica polo actual Ministerio de Fomento, que dirixe Ana Pastor, e, como tal, foi incluída polo Goberno no Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda (PITVI 2012-2024) e recibiu un forte impulso na pasada X Lexislatura que os deputados populares queren que continúe.

O BOE do 8 de febreiro de 2014 publicou o anuncio da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia sobre a Resolución do Ministerio de Fomento pola que se aprobaba o expediente de Información Pública e aprobación definitiva do Estudo Informativo "Autovía A-76. Tramo: Ponferrada-Ourense".

E desde xaneiro de 2015, o Ministerio de Fomento está a redactar os proxectos de trazado e construción do tramo entre Villamartín da Abadía e Requejo (7,6 km), na provincia de León e do tramo entre A Veiga de Cascallá - O Barco de Valdeorras (8,35 km), na provincia de Ourense.

Estes dous tramos, en fase de proxecto, dispoñen de consignación orzamentaria nos PGE de 2016. O primeiro en contía de 263.830 € e o segundo de 201.530 €.

Lembramos que o pasado 2 de abril de 2016 o Ministerio de Fomento licitou o contrato de servizos de redacción do proxecto de trazado e construción do tramo entre Requejo (na provincia de León) e A Veiga de Cascallá (na provincia de Ourense), de 10,7 quilómetros, cun orzamento basee de licitación de 2,95 millóns de euros e para o que se contemplan 500.000 € nos PGE para 2016.

O GPP entende que dado que os avances que se produciron no proxecto da A-76 na X Lexislatura son incuestionables, débese continuar nesta liña e é importante deixar moi clara a vontade parlamentaria de seguir impulsando as actuacións necesarias para que se faga realidade esta nova infraestrutura entre Ourense e Ponferrada.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.